Categoría

Curso_”Instalacións térmicas nos edificios”

Curso_”Instalacións térmicas nos edificios”

Desde o COAG organizáronse dous cursos relacionados coas instalacións nos edificios que teñen particularmente relación cos seus requisitos de habitabilidade e salubridade. Divídense estas dúas formacións en “Instalacións térmicas nos edificios” e “Instalacións de ventilación nos edificios”. Nesta ocasión ábrese a matrícula para o primeiro deles, estando o segundo programado para iniciarse a principios de decembro.

O curso “Instalacións Térmicas nos Edificios” preséntase como unha formación aplicada para arquitectos, orientada a comprender, coordinar e revisar as decisións principais que afectan ao acondicionamento térmico dos edificios.

Ao longo de seis sesións de catro horas abórdase a relación entre arquitectura, enerxía e confort, entendendo as instalacións térmicas como unha parte integrada do proxecto e non como un engadido posterior. A formación establece as bases físicas e técnicas necesarias para desenvolver o deseño e o cálculo integral das instalacións de calefacción e subministración de auga quente sanitaria.

Estúdanse as perdas por transmisión, as pontes térmicas, a ventilación, a infiltración e a potencia de deseño, utilizando exemplos aplicados a edificios residenciais e terciarios. Así mesmo, diferéncianse conceptos como demanda, carga térmica, potencia instalada e consumo, que condicionan a elección do sistema, a zonificación, o funcionamento a carga parcial e o risco de sobredimensionamento. Posteriormente analízanse os principais sistemas de produción térmica para calefacción, refrixeración e auga quente sanitaria: caldeiras, bombas de calor, sistemas híbridos, produción individual e centralizada de AQS, acumulación, recirculación e integración de enerxías renovables.

O curso incorpora o estudo de sistemas con radiadores, sistemas de expansión directa e solucións de chan radiante e refrescante, sempre desde unha perspectiva arquitectónica: localización de equipos, espazos técnicos, distribución e unidades terminais. No ámbito da AQS, analizaranse os sistemas individuais e centralizados, coas súas principais variantes.

Traballarase con exemplos resoltos en directo e exercicios prácticos a resolver por parte do alumno, que permitan a elección razoada de sistemas, esquemas de principio, estratexias de control e criterios de revisión documental. O obxectivo final é que o arquitecto sexa capaz de dialogar co especialista, detectar incoherencias, prever conflitos construtivos e tomar decisións integradas entre envolvente, confort, enerxía, uso, mantemento e viabilidade arquitectónica.

Prezos de matrícula

  • Matrícula ordinaria: 120 euros
  • Arquitectos colexiados: 80 euros
  • Arquitectos colexiados subscritos ao servizo de formación: 55 euros

Metodoloxía

  • Flexibilidade para o alumno.
  • Enfoque práctico.
  • Certificado de aproveitamento.
  • O curso desenvólvese en modalidade integramente en liña, utilizando como soporte a plataforma de formación en liña do COAG ( moodle.coag.es ). Esta plataforma será o medio a través do cal se canalizará toda a operativa do curso, e nela habilitaranse todas as actividades e recursos que se utilizarán.

Aforo e prazos de matrícula:

O aforo é limitado.

  • Prazo preferente de matrícula (exclusivo para colexiados COAG subscritos ao servizo de formación): ata o luns 19/10/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.
  • Todas as modalidades: desde as 23:59 h do luns 19/10/2026 ata o luns 26/10/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.

Programa completo e matrícula:
No programa completo, que pode consultarse a continuación, descríbese a metodoloxía e explícanse as actividades que integran o curso e a súa temporización e modalidades de seguimento.

[+ matriculación e programa completo do curso]

Coa colaboración de 

#COAGconta: Programación outubro 2026

#COAGconta: Programación outubro 2026

#COAGconta é unha canle a través da cal os colexiados poden obter información actualizada, a nivel xeral, sobre as temáticas que, de forma directa ou indirecta, cobran máis relevancia no seu día a día profesional como arquitectos. Cun formato áxil e en sesións breves, #COAGconta busca ser un espazo para informar, clarificar e debater cuestións de interese, ben pola súa actualidade, ben por tratarse de problemáticas habituais.

Informámosvos a continuación das xornadas programadas para este mes de outubro.

PROGRAMACIÓN OUTUBRO

  • 14/10 _ Caso de éxito: “Proxecto de rehabilitación da adega Viña Mein-Emilio Rojo” en Leiro, Ourense. Muiños Otero López Arquitectura (Candelaria Cecilia López Muiños / Juan José Otero Vázquez).  [noticia]
  • 21/10 _ “Claves para a prescrición e o deseño en Pedra Natural”  [noticia]
  • 28/10 _ “Radon en vivendas e lugares de traballo. Resultados e implicacións.” Alberto Ruano Raviña.  [noticia]

A inscrición nas distintas xornadas pode facerse dende esta [+ligazón].

Aquí pode consultarse a información completa relativa a #COAGconta: Definición, temáticas, modalidades e programación.

Lembrámosvos así mesmo que as gravacións dos #COAGconta están dispoñibles na sección de vídeos para colexiados da nosa páxina web do COAG, á que dende agora tamén podedes acceder dende o banner directo situado na portada.

Coa colaboración de 

Presentación do número 36 da revista Obradoiro | NOVA LOCALIZACIÓN e aforo

Presentación do número 36 da revista Obradoiro | NOVA LOCALIZACIÓN e aforo

Debido ao grande interese na presentación e co fin de aumentar o aforo para todos os asistentes inscritos, movemos o acto ao Museo MARCO, a 5 minutos camiñando da Delegación de Vigo.

Deste xeito, o vindeiro 9 de outubro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Arquitectura, terá lugar no Museo MARCO a presentación do número 36 da revista Obradoiro “Urbanidades”, editada por Manuel Bouzas, María Fandiño, Roi Salgueiro e Teresa Sánchez.

Desde a súa creación en 1978, a revista Obradoiro foi un referente na difusión dos valores e achegas da arquitectura galega á cultura, ao territorio e á sociedade. Tras o exitoso relanzamento do ano pasado, co que se puxo fin a trece anos de pausa, continuamos agora co lanzamento do número 36.

Neste número, Obradoiro 36, o Colexio de Arquitectos de Galicia baixo o título “Urbanidades” preséntase como as cidades e vilas, periferias e aldeas, infraestruturas e espazos produtivos conforman un mesmo sistema territorial. As categorías de urbano e rural mestúranse e xa non son dabondo para explicar como habitamos.

Obradoiro 36: Urbanidades propón unha mirada transversal sobre os modos de habitar e construír o territorio galego. Galicia é unha realidade extensa, fragmentada e complexa.

  • Día: 9 de outubro.
  • Hora: 19,00 h.
  • Nova localización: Museo MARCO (Rúa do Príncipe, 54. Vigo) – A 5 minutos camiñando da Delegación do COAG.

Finalizado o acto, servirase un aperitivo para os asistentes na praza do Pobo Galego onde se atopa a Delegación de Vigo.

[Enlace inscrición]

Moitas grazas a todos polo interese e a grande acollida!

#COAGconta: “Radón en vivendas e lugares de traballo. Resultados e implicacións.” Alberto Ruano Raviña.

#COAGconta: “Radón en vivendas e lugares de traballo. Resultados e implicacións.” Alberto Ruano Raviña.

O mércores 28 de outubro, ás 12:00, Alberto Ruano Raviña falaranos sobre o radon en vivendas e lugares de traballo, analizando as seguintes cuestións:

  • Radon e efectos sobre a saúde.
  • Distribución de radon en España e Galicia.
  • Presenza en postos de traballo por tipoloxía. Variables que inflúen na súa concentración.
  • Como medir radon.
  • Normativa en vivendas (CTE-DSH6) e postos de traballo.
  • Casos sinxelos vs. casos complexos. Do “faino ti mesmo” ao estudo técnico.
  • Estudos en marcha para valorar o impacto do CTE.
  • Conclusións.

Alberto Ruano Raviña é Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela e Director do Laboratorio de Radon de Galicia.

Para o seguimento en directo desta xornada, é necesaria inscrición no seguinte [+ ligazón]

Colabora

#COAGconta: Caso de éxito “Rehabilitación de Adega Viña Meín-Emilio Rojo”. Muiños Otero López Arquitectura

#COAGconta: Caso de éxito “Rehabilitación de Adega Viña Meín-Emilio Rojo”. Muiños Otero López Arquitectura

O mércores 14 de outubro, ás 12:00, o COAG celebra unha nova xornada sobre casos de éxito en rehabilitación.

Nesta ocasión Candelaria Cecilia López Muiños e Juan José Otero Vázquez (Muiños Otero López Arquitectura) falaranos do proxecto de Rehabilitación da Adega Viña Meín-Emilio Rojo, en Leiro, Ourense.

Viña Meín foi na súa orixe un conxunto de pequenas casas, montes e viñedos que conformaban o casal de Meín. Coñecíase como “Casa Labora” e sempre foi un recoñecido lugar de produción de uva desde a Idade Media. A propiedade e a súa contorna son historia viva do Ribeiro. O proxecto céntrase en crear experiencias inesquecibles arredor do viño como proxecto senlleiro en busca dun propósito superior, co compromiso de construír un legado único.

O proxecto de reforma da adega centrouse en tres áreas de actuación, como son o edificio dedicado á produción e oficinas, a urbanización exterior e o módulo de instalacións. Falando en termos de eficiencia enerxética e sustentabilidade, todas as medidas de proxecto están orientadas a minimizar a pegada de carbono e a conseguir unhas edificacións cun consumo practicamente nulo, ademais de preservar a contorna de xeito sustentable e co mínimo impacto desde o compromiso en todos os procesos coa calidade, así como o coidado do medio ambiente e a responsabilidade social.

A reconstrución da adega executouse buscando solucións innovadoras, pero cun protagonismo absoluto de materiais lignocelulósicos. Será a primeira adega con estrutura de madeira de castiñeiro e CLT de piñeiro de Galicia.

Para o seguimento en directo desta xornada, é necesaria inscrición na seguinte [+ ligazón]

Colabora  

II Jornada Técnica “Arquitectura, construcción y pizarra en Valdeorras” | Ourense

II Jornada Técnica “Arquitectura, construcción y pizarra en Valdeorras” | Ourense

O Clúster da Pizarra de Galicia organizará este venres 9 de outubro en Ourense a II Xornada Técnica “Arquitectura, construción e lousa en Valdeorras: Un diálogo cara ao futuro de Ourense”. A partir das 11:30 horas, o Centro Cultural Marcos Valcárcel será a sede da segunda edición dun foro que ten como obxectivo analizar a situación actual do sector da construción en Ourense e en Galicia, á vez que se debate sobre o futuro da arquitectura e do uso da lousa como elemento construtivo.

Tras o acto de apertura, no que participarán o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López Alonso, e o director territorial da Consellería de Economía e Industria, Jorge Pumar Tesouro, o protagonista do primeiro relatorio será o prestixioso arquitecto e profesor Carlos Quintáns Eirás, que falará sobre “A lousa agora”. Posteriormente, o arquitecto técnico e vicepresidente do Clúster da Construción de Galicia, Daniel Hermosilla Hermida, falaranos sobre “A lousa e o reto da construción industrializada”, antes de que a arquitecta e profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Cristina García Fontán, peche as conferencias co relatorio titulado “A lousa e o planeamento: normativa, paisaxe e convivencia de materiais”.

Coa intervención do director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, porase o punto final a esta intensa xornada, que foi posible grazas á colaboración da Deputación Provincial de Ourense.

Concello de Piñor – Unha praza de Arquitecto/a

Concello de Piñor – Unha praza de Arquitecto/a

No BOP-Ourense de 6 de outubro, publícase o ANUNCIO da corrección de erros no Decreto 2026-0214, do 27 de xullo, polo que se aprobou a oferta de emprego público para o ano 2026 do Concello de Piñor onde se inclúe unha praza de Arquitecto/a. read more…

I Seminario Atlántico “Arquitecturas de referencia” | Inscrición

I Seminario Atlántico “Arquitecturas de referencia” | Inscrición

Os próximos 16 e 17 de outubro de 2026 terá lugar en Mondariz-Balneario a celebración do I Seminario Atlántico “Arquitecturas de referencia”.

Na súa primeira edición, este seminario busca ser un referente na difusión dos valores e achegas da arquitectura mediante a exposición e o debate das obras resultantes dos concursos en Galicia e no norte de Portugal. Con este evento, inaugúrase un encontro fundamental de obra recente enfocado en todo o eixo atlántico ibérico.

Neste encontro, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Ordem dos Arquitectos Secção Regional do Norte, baixo o título “Arquitecturas de referencia”, presentan como a arquitectura contemporánea intervén en diferentes ámbitos ao longo de cinco mesas temáticas:

  • Espazo público
  • Espazos para a saúde
  • Espazos dotacionais
  • Patrimonio e intervención
  • Vivenda colectiva

O I Seminario Atlántico propón unha ollada transversal sobre os modos de habitar, deseñar e construír o territorio. O eixo atlántico ibérico é unha realidade extensa, fragmentada e complexa que será obxecto de análise e debate.

  • Datas: 16 e 17 de outubro de 2026 (Acto de presentación o venres a las 11:00 h).
  • Localización: Mondariz Balneario.
  • Ligazón: Inscrición no seguinte [LIGAZÓN].

O aforo é limitado, sendo precisa a inscrición previa. A inscrición inclúe os coffee breaks e o xantar do venres.

Oferta de emprego

Oferta de emprego

Estudo de arquitectura ADIU SLP, con sede en  Pontevedra, selecciona  arquitecto/a asalariado. Funcións: Redacción de proxectos  en todas a súas fases. Ubicación do posto de traballo: Pontevedra Requisitos: Valorase experiencia, dispoñibilidade para incorporación...