Curso_”Instalacións térmicas nos edificios”

9 Out 2026

Desde o COAG organizáronse dous cursos relacionados coas instalacións nos edificios que teñen particularmente relación cos seus requisitos de habitabilidade e salubridade. Divídense estas dúas formacións en “Instalacións térmicas nos edificios” e “Instalacións de ventilación nos edificios”. Nesta ocasión ábrese a matrícula para o primeiro deles, estando o segundo programado para iniciarse a principios de decembro.

O curso “Instalacións Térmicas nos Edificios” preséntase como unha formación aplicada para arquitectos, orientada a comprender, coordinar e revisar as decisións principais que afectan ao acondicionamento térmico dos edificios.

Ao longo de seis sesións de catro horas abórdase a relación entre arquitectura, enerxía e confort, entendendo as instalacións térmicas como unha parte integrada do proxecto e non como un engadido posterior. A formación establece as bases físicas e técnicas necesarias para desenvolver o deseño e o cálculo integral das instalacións de calefacción e subministración de auga quente sanitaria.

Estúdanse as perdas por transmisión, as pontes térmicas, a ventilación, a infiltración e a potencia de deseño, utilizando exemplos aplicados a edificios residenciais e terciarios. Así mesmo, diferéncianse conceptos como demanda, carga térmica, potencia instalada e consumo, que condicionan a elección do sistema, a zonificación, o funcionamento a carga parcial e o risco de sobredimensionamento. Posteriormente analízanse os principais sistemas de produción térmica para calefacción, refrixeración e auga quente sanitaria: caldeiras, bombas de calor, sistemas híbridos, produción individual e centralizada de AQS, acumulación, recirculación e integración de enerxías renovables.

O curso incorpora o estudo de sistemas con radiadores, sistemas de expansión directa e solucións de chan radiante e refrescante, sempre desde unha perspectiva arquitectónica: localización de equipos, espazos técnicos, distribución e unidades terminais. No ámbito da AQS, analizaranse os sistemas individuais e centralizados, coas súas principais variantes.

Traballarase con exemplos resoltos en directo e exercicios prácticos a resolver por parte do alumno, que permitan a elección razoada de sistemas, esquemas de principio, estratexias de control e criterios de revisión documental. O obxectivo final é que o arquitecto sexa capaz de dialogar co especialista, detectar incoherencias, prever conflitos construtivos e tomar decisións integradas entre envolvente, confort, enerxía, uso, mantemento e viabilidade arquitectónica.

Prezos de matrícula

  • Matrícula ordinaria: 120 euros
  • Arquitectos colexiados: 80 euros
  • Arquitectos colexiados subscritos ao servizo de formación: 55 euros

Metodoloxía

  • Flexibilidade para o alumno.
  • Enfoque práctico.
  • Certificado de aproveitamento.
  • O curso desenvólvese en modalidade integramente en liña, utilizando como soporte a plataforma de formación en liña do COAG ( moodle.coag.es ). Esta plataforma será o medio a través do cal se canalizará toda a operativa do curso, e nela habilitaranse todas as actividades e recursos que se utilizarán.

Aforo e prazos de matrícula:

O aforo é limitado.

  • Prazo preferente de matrícula (exclusivo para colexiados COAG subscritos ao servizo de formación): ata o luns 19/10/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.
  • Todas as modalidades: desde as 23:59 h do luns 19/10/2026 ata o luns 26/10/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.

Programa completo e matrícula:
No programa completo, que pode consultarse a continuación, descríbese a metodoloxía e explícanse as actividades que integran o curso e a súa temporización e modalidades de seguimento.

[+ matriculación e programa completo do curso]

Coa colaboración de 

Compartir