O mércores 28 de xuño, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia Lectura dun territorio atlántico, Galicia, impartida pola nosa compañeira arquitecta Elisa Gallego Picard, recentemente galardoada co Premio Europeo Manuel de Solà-Morales de Urbanismo pola súa tese de doutoramento Lectura de un territorio atlántico, Galicia. A reading of an Atlantic territory.
O Premio Europeo Manuel Solà-Morales de Urbanismo recoñece de forma bianual as mellores teses de doutoramento desenvolvidas no campo do urbanismo en universidades europeas. O premio, que outorga o Laboratorio de Urbanismo de Barcelona (LUB), é unha iniciativa académica da Escola Tècnica Superior d’Arquitectura de Barcelona (ETSAB) da Universitat Politècnica de Catalunya – BarcelonaTech (UPC) en memoria do seu fundador e director, o profesor e arquitecto Manuel de Solà-Morales i Rubió (1939-2012).
Esta conferencia permitiranos celebrar a concesión dese galardón a unha arquitecta galega e coñecer as chaves esenciais do traballo de investigación que desenvolveu durante os últimos anos sobre a paisaxe e o territorio de Galicia.
©ElisaGallegoPicard. Dispoñible en http://www.eligalpic.com/
Síntese
Un territorio é moito máis que a súa paisaxe, que a súa percepción a través dos ollos. A maioría dos documentos que o teñen por obxecto de estudo acostuman ofrecernos reducións analíticas que o simplifican e o reducen a un produto susceptible de mercado e explotación.
O territorio é o noso soporte e a actitude coa que debemos lelo non pode eludir a razón sensible. Dependemos da súa lectura consciente. Modificámolo e modifícanos en continuo. Hoxe os territorios urbanízanse con códigos globais e esgótanse. Ler e comprender os territorios que consumimos é máis necesario que nunca nun presente dominado por unha grave crise medioambiental e pola dimensión política da súa imaxe e a súa mercantilización.
Nesta conferencia tratarase de explicar esa complexidade, a que expresa canto do humano hai nun territorio e canto de territorio hai no humano, poñéndoa a proba nun fragmento territorial, nun borde atlántico que hoxe, baixo a nosa responsabilidade, acelera o seu ritmo de cambio.
©ElisaGallegoPicard
Elisa Gallego Picard
Doutora internacional en arquitectura pola ETSAM e Máster en fotografía pola SVA de Nova York.
Arquitecta dende 1998 e, dende esa data, colaboradora e socia no estudio de arquitectura de Manuel Gallego Jorreto en A Coruña; en obras como o Complexo Presidencial de Monte Pío ou a Lonxa de Lira, entre outras. Ten publicado artigos, libros e impartido clases no POLIMI ademais de participado en charlas e talleres.
No exercicio libre da profesión os traballos sucesivos na comarca occidental galega de Carnota teñen definido a súa liña de investigación. Culminando coa tese de doutoramento coa que ten recibido recoñecementos como o IV Premio Europeo Manuel de Solá-Morales 2023 outorgado polo LUB da UPC e o Premio Extraordinario de Doutoramento da UPM 2018-19.
DATA:
Mércores 28 de xuño 2023 – 19:00 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COLABORAN:
Asociación cultural Flor de Santiago
Viñedo Lagar do Vento