II CONCERTO “Onde a Música Habita” LAURA LAMONTAGNE & PICOAMPERIO

6 xuño 2022

Xa podedes conseguir entradas para o próximo concerto do ciclo “Onde a música habita” o sábado 18 de xuño ás 12:00 horas. Nesta ocasión os protagonistas serán LAURA LAMONTAGNE & PICOAMPERIO aos que dará paso QUICO CADAVAL cun relatorio sobre o magnífico espazo onde terá lugar, o “Xardín das Pedras que Falan” tras de Fonseca.

Organizados pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos en colaboración co concello, o ciclo de concertos itinerantes “ONDE A MÚSICA HABITA” nace para achegar a música a espazos arquitectónicos referentes na cidade.

Cada concerto é introducido por Quico Cadaval, coa historia da localización na que nos atopamos. A música ponse ao servicio da arquitectura, adaptando cada proposta ás características do espazo.

Non volo podedes perder!

Reserva de entradas no seguinte enlace
https://reservas.gal/producion/onde-a-musica-habita/

LAURA LAMONTAGNE & PICOAMPERIO

Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro (Teo, 1995) participou do colectivo ‘Hip Hop Ateneu’ e dos grupos Pura Mestura e Furnier. Mentres que Laura (Lugo, 1993) experimentou nos recitáis de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte.

Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmósferas rascadas son elementos esenciáis da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño. Unha listaxe á que en 2021 se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado o Día das Letras Galegas.

O ESPAZO: O XARDÍN DE FONSECA

No mes de maio de 2018, o Xardín de Fonseca converteuse no receptor do proxecto “As Pedras que Falan” desenvolvido entre o concello e a universidade de Santiago, seguindo unha idea orixinal do escritor Suso de Toro.

No espazo do xardín instalouse unha espiral con diferentes pedras nas que están gravadas liñas literarias ou versos inéditos asinados por autores de diferentes países e linguas. Rosalía de Castro foi a autora elixida para gravar a primeira pedra, mentres que a segunda correspóndelle a Seamus Heaney, poeta irlandés gañador do Premio Nobel de Literatura en 1995 e amigo persoal de Suso de Toro, co que tiña falado deste proxecto.

O espazo está preparado para conter 42 pezas de pedra que deberá ir completándose ao longo do tempo. Pódese  ver a dimensión da obra completada coa sinalización mediante uns discos de pedra colocados no chan no lugar que ocuparán as futuros laxes.

Compartir