Xornadas “O Territorio de Galicia: Presente e futuro. 2024”

24 Xan 2024

A delegación de Lugo do COAG organiza un ciclo de conferencias sobre o territorio de Galicia pola transcendencia social e política que ten a súa ordenación.

O ciclo pretende incentivar a actitude crítica da cidadanía en relación co territorio e coa súa ordenación, mediante as numerosas leis que inciden sobre el. O territorio é un concepto ao que se recorre frecuentemente no discurso político, aínda que habitualmente sen afondar na transcendencia que a súa ordenación ten na vida cotiá dos cidadáns. O obxecto final destas xornadas é acadar conclusións que permitan unha valoración ecuánime do territorio de Galicia no presente ao mesmo tempo que unha visión prospectiva e formular cun sentido de futuro cara onde debería dirixirse a ordenación do territorio galego.

As xornadas están divididas en dous bloques diferenciados. O primeiro, formulado desde a óptica técnica e científica da ordenación do territorio con conferenciantes procedentes do ámbito académico e de distintas especialidades para que acheguen a información desde unha perspectiva xeográfica, sociolóxica, económica, histórica ou ecolóxica que “permita entender a situación actual do territorio e as claves para a súa ordenación”. O segundo bloque (pendente de pechar programación) porá o foco na compoñente exclusivamente política da ordenación do territorio, onde as distintas opcións políticas con representación parlamentaria exporán cal é o seu proxecto e visión do territorio para Galicia, desde o presente ata un horizonte de vinte ou trinta anos.

O primeiro bloque celebrarase os días 30 e 31 de xaneiro e o 1 e 2 de febreiro na Biblioteca Pública de Lugo, coa participación de expertos historiadores, xeógrafos, economistas, enxeñeiros e arquitectos. Estas xornadas estarán dispoñibles en streaming no seguinte enlace https://www.youtube.com/watch?v=FFFpq2zQPiw&ab_channel=DirectosCOAG

Nas xornadas intervirán a o longo destes catro días perfis diversos como  o doutor en Xeografía  pola USC Ruben Lois, o enxeñeiro de Camiños e profesor de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Escola Superior de Arquitectura da Coruña, Carlos Nárdiz, a doutora en Historia pola Universidade de Santiago (USC), Ana Cabana, o arquitecto Manuel Borobio, a arquitecta Ana Marquina, o catedrático de Proxectos de Enxeñaría da USC, Manuel Francisco Marey o arquitecto Iago Seara, o doutor en Xeografía pola USC Xosé Constenla, a doutora en Economía Aplicada pola USC Maria do Mar Pérez Fra, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares, a arquitecta Teresa Nieto e a catedrática de economía da USC María Luz Loureiro.

* Acceso libre hasta completar aforo (150 persoas).

Os horarios e datas das ponencias se publicarán nas redes e canles de comunicación do COAG.

PROGRAMA

Compartir