Inauguración do Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2024-2025

22 Feb 2024

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Xunta de Galicia inauguraron o Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2024-2025. O acto, que se celebrou no salón de actos do Museo do Pobo Galego en Santiago, foi presidido polo decano do COAG, Luciano Alfaya; da directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas; do director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas; e da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

Os procesos da xestión do solo e a ordenación do territorio e do urbanismo son as temáticas centrais do Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2024-2025 que organizan o COAG e a Xunta de Galicia.

O decano do Colexio, Luciano Alfaya, sinala que a heteroxeneidade do profesorado permite ofrecer unha visión transversal coa aspiración de “contribuír á mellora da tramitación administrativa de todos os procesos urbanísticos”.

Destacou que o curso permite poñer o foco no urbanismo, “esencial para ordenar o territorio e transformar as nosas cidades”. Nun momento de cambio nos modelos residenciais, nos sistemas de mobilidade ou mesmo da organización do traballo, o decano sinala que o curso de urbanismo estuda os mecanismos para planificar a transformación urbana, enfocándose na revitalización do construído e na preservación medio ambiental. “A heteroxeneidade do profesorado, desde a administración á practica profesional, permite ofrecer unha visión transversal coa aspiración de contribuír á mellora da tramitación administrativa de todos os procesos urbanísticos” –explicou–.

A formación, que se celebrará ata decembro na EGAP, foi inaugurada no Museo do Pobo Galego en Santiago e contou coa conferencia inaugural de Verónica Sánchez Carrera, fundadora da organización n’UNDO que recibiu o Premio Nacional de Urbanismo 2022 do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España.

Matrícula completa do curso con 40 participantes

O obxectivo principal do curso, que ten a súa matrícula completa con 40 participantes, é que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que o capacite para traballar nas disciplinas da ordenación do solo e responsabilizarse dos procesos de xestión do territorio. O estudo do urbanismo e a ordenación territorial farase partindo da normativa urbanística estatal española, facendo referencia, nos aspectos de maior interese, á normativa autonómica e, especialmente, á da Comunidade Autónoma galega. Combina o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que no ámbito urbanístico é variada e complexa.

A formación está dirixida a arquitectos interesados en ampliar os seus coñecementos cunha formación especializada no campo do urbanismo, así como profesionais en exercicio do ámbito urbanístico que necesitan actualizar os seus coñecementos en xestión urbanística, e persoal das diferentes administracións públicas de Galicia. A dirección académica corre a cargo do doutor en Dereito e profesor da Universidade da Coruña (UDC), Juan Raposo, e o arquitecto Ignacio Soto. Celebrarase de maneira presencial na Escola Galega de Administración Pública ata decembro de 2024, entidade pola que está homologada esta formación.

Construír máis e mellor non facendo, refacendo e desfacendo, accións que garanten a sostibilidade económica, social, cultural e ambiental

A doutora arquitecta Verónica Sánchez Carrera (Madrid, 1979), cofundadora da organización n´UNDO, un centro de pensamento e experimentación urbana, e da oficina técnica n’OT con servizos de consultoría e intervención en cidade, territorio e mundo humanitario, ofreceu a conferencia inaugural do curso, que versou sobre “Intervención no territorio e cidade desde o Non Facer, Refacer e Desfacer”.

Verónica Sánchez e o equipo de n´UNDO de arquitectas e arquitectos e profesionais doutras disciplinas levan máis de dez anos traballando no “non facer, refacer e desfacer” coa presentación a concursos, a edición de diversas publicacións e a participación en congresos, ademais da elaboración de plans urbanos, como o ‘Plan n’2030 #Manilva: hacia una Agenda Urbana Local’ polo que recibiron o Premio Nacional de Urbanismo 2022 do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE). Fronte á construción como vía tradicional para mellorar o contorno, n’UNDO demostra que é posible construír máis e mellor non facendo, refacendo e desfacendo, accións que garanten a sostibilidade económica, social, cultural e ambiental.

A arquitecta explica que n’UNDO é unha actitude, unha maneira de (des)facer re-arquitectura no territorio e a cidade desde a resta e a renuncia. “No se trata del menos es más, sino del nada es más, de valorar la ausencia y la preexistencia por encima de la construcción y lo material. Nos inclinamos por reparar, limpiar y recuperar para mejorar paisaje, territorio y ciudad desde la creación y conservación de sus vacíos y silencios. Creemos que es mejor actuar mediante la no construcción de propuestas o intervenciones no pertinentes; y apostamos por la reutilización de infraestructuras y edificaciones, la minimización de elementos de impacto nocivo y el desmantelamiento de elementos perniciosos o prescindibles” –argumentou–.

Nestes últimos anos, visitou Galicia en varias ocasións para participar en simposios arquitectónicos, onde tratou, entre outros temas, a dispersión urbana na comunidade ou o abandono de centros comerciais na cidade da Coruña.

Verónica Sánchez desenvolve o seu traballo como profesional independente en urbanismo e arquitectura desde 2004. En 2007 centra a súa actividade na axuda humanitaria, onde traballou en diferentes organizacións e países. A súa práctica inclúe consultorías urbanas e territoriais, avaliacións e apoio técnico en programas humanitarios.

É experta en arquitectura de emerxencia para enfermidades infecciosas, especializada en auga, saneamento e hixiene en cooperación internacional e emerxencias (UAH) e no Desenvolvemento de asentamentos humanos no terceiro mundo en ICHaB, cátedra UNESCO. É membro do equipo de Enfermidades Infecciosas da Organización Mundial da Saúde. Durante os últimos quince anos compaxinou a súa actividade profesional coa docencia e a investigación.

Compartir