Novidades na colexiación 2024

25 Xan 2024

A Xunta Xeral do COAG, conforme á proposta da Xunta de Goberno, aprobou unha serie de cambios nas cotas e servizos colexiais para 2024, que se detallan no documentación dispoñible na web colexial e que teñen como principais novidades as que se indican a continuación:

  • En nivel xeral mantense o importe da cota básica existente, é dicir, non se lle aplica o incremento do IPC en 2023. Non obstante, actualízanse os importes nos servizos colexiais e da cota do CSCAE.
  • As persoas colexiadas nos primeiros anos de colexiación ven mellorada a bonificación aplicable, xa que pasa a ser de tres anos. Neste período, as persoas beneficiarias disporán de servizos sen custe (na actualidade só era o primeiro ano), e a cota pasa a reducirse un 50% o primeiro ano e un 25% o segundo (anteriormente so un 40% o primeiro ano). Para o 2024, enténdese que teñen dereito a aplicar da bonificación os/as colexiados/as con menos de tres anos de colexiación a data 1 de xaneiro de 2024. Aos colexiados que se colexiasen antes de 2024 e teñan dereito á bonificación, aplicaráselles o desconto nos trimestres de 2024 que correspondan, segundo os anos de colexiación, na cota e servizos do exercicio 2024, así como nos exercicios seguintes que correspondan.
  • As persoas xubiladas pasan a ter a colexiación gratuíta, coa finalidade de que poida servir para volver a contar no Colexio, con quen adicaron toda a súa vida a esta profesión e que por diversas causas causaron baixa.
  • As persoas desempregadas teñen unha bonificación do 50% na cota e gratuidade nos servizos.
  • Aquelas persoas colexiadas que foran pais ou nais por nacemento ou adopción de fillo/filla durante 2023, dispoñen en 2024 dunha bonificación do 50% da cota e gratuidade en todos os servizos, excepto a conta profesional @coag.es.
  • Incrementouse do desconto pola bonificación para persoas colexiadas que presten servizo á administración pública con dedicación exclusiva, pasando do 40% ao 50% de desconto na cota.

Lembrámosche que podes configurar a túa colexiación 2024, seleccionando os servizos nos que esteas interesado/a, ata o 31 de xaneiro accedendo a:
https://www.coag.es/colexiacion2024

Finalizado o período de configuración voluntaria, o día 1 de febreiro de 2024, para todos aqueles colexiados que non configuraron a súa colexiación, o Colexio procederá a renovala cos mesmos servizos que tiña subscritos o ano anterior. Este criterio aplicarase tamén en caso de ter subscrito a cota da Agrupación de Peritos no exercicio anterior.

En caso de ter aplicada unha bonificación no exercicio anterior, o seu mantemento dependerá das condicións particulares da mesma.

Agardamos que estas novidades na colexiación sexan do teu interese e quedamos á túa disposición a través da [plataforma de consultas] para calquera dúbida que se che presente.

Compartir