A Fundación Luis Seoane inaugura este xoves Dende as marxes. Sobre a necesidade da crítica. Diálogos de arquitectura, un curso dirixido polo arquitecto Carlos Pita que busca impulsar un diálogo sobre a arquitectura contemporánea en Galicia.
Os arquitectos Ibon Salaberria e Iñigo García serán os encargados de abrir la sesión inaugural do curso-
No ano 2020, a XV BEAU Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo premiou cinco traballos levados a cabo por estudos de arquitectura e arquitectos galegos, un acontecemento que, naquel momento, non tivo unha difusión equivalente ao recoñecemento que eses galardóns supoñían para a arquitectura realizada no noso país.
Dende as marxes nace co obxectivo de dar visibilidade a estes traballos e, nun sentido máis amplo, á arquitectura realizada en Galicia na actualidade. O estudo e análise destes proxectos polos equipos que os desenvolveron centrarán as diferentes sesións deste curso, que tentará ampliar a súa difusión e visibilización cubrindo deste xeito a ausencia de crítica especializada sobre a materia.
Ademais dos cinco representantes galegos, o curso contará coa presenza doutros equipos de fóra de Galicia, a maioría deles premiados nesa mesma bienal. Durante dez sesións establecerase un un diálogo entre os premiados, unha serie de convidados que realizarán un achegamento crítico á súa obra e o público, que podérá participar na conversación moderada polo arquitecto Carlos Pita, director do curso.
A primeira sesión, que terá lugar este xoves 28 de setembro ás 19:30 horas na Fundación Luis Seoane, contará coa presenza de Ibon Salaberria, galardonado na XV BEAU xunto a Itziar Imaz pola reforma e ampliación do edificio Dorleta do campus de Eskoriatza da Universidade de Mondragón, e o arquitecto Iñigo García Odiaga.
Dende as marxes reivindica o diálogo como ferramenta para a difusión da arquitectura máis recente. Unha ollada curiosa e crítica á profesión, unha vontade de escoitar, de ver, de saber que fixeron e que están a facer outros arquitectos. Un marco aberto ao encontro e ao coñecemento.
A entrada ás sesións do curso é libre ata completar capacidade.