Cunha traxectoria marcada pola súa profunda sensibilidade social e ambiental e polo seu compromiso coa accesibilidade a e sustentabilidade arquitectónica, está considerada como una das “mulleres arquitectas pioneiras en Galicia”
Vinculada desde fai 35 anos á Universidade da Coruña, recibiu este recoñecemento, proposto polo Colexio de Arquitectos de Galicia, nun acto celebrado o pasado sábado en Santiago.
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra o galardón concedido á arquitecta e colexiada Myriam Goluboff Scheps nos ‘Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2025’ da Unión Profesional de Galicia (UPG). Estas distincións foron entregadas o pasado sábado nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago ao que asistiron a representante do COAG na UPG e presidenta da Delegación de Lugo do Colexio, Carmen Figueiras, acompañada pola presidenta da Delegación da Coruña do Colexio, Ruth Varela.
A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia, que propuxo esta candidatura, agradece a Myriam Goluboff, colexiada na Coruña (número 483) desde 1977, a súa dedicación á profesión como arquitecta. O COAG considera que a homenaxeada é unha das “mulleres arquitectas pioneiras en Galicia”.
Myriam Goluboff Scheps (Bos Aires, 1935) arquitecta pola Universidade de Bos Aires (UBA) en 1959, co título validado en España. A súa vida profesional e docente comezou en Arxentina e continuou na Coruña en 1975 co seu marido, o tamén arquitecto Mario Soto. Con el compartiu docencia na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e o proxecto e dirección da obra do Centro de Educación de Especial ASPACE Coruña en Sada, edificio de baixo custo que utilizou elementos estruturais industriais para crear espazos funcionais e accesibles que Soto non chegou a ver terminado. Ademais desta obra, proxectaron conxuntamente outros interesantes edificios como o Centro de Paralíticos Cerebrais de Oleiros ou os das áreas de Servizo da Autopista AP-9.
Xa de forma individual, un modelo para piscinas descubertas de Myriam Goluboff foi seleccionado en 1995 pola Deputación da Coruña. A súa solución foi crear pequenas unidades con estrutura de madeira e coa superficie do solo e as pérgolas en madeira tratada, ademais de cerramentos con paneis de cores vivas, co fin de dar unha resposta de carácter lúdico que se adaptara ás moi diversas configuracións posibles do terreo.
En 2005 tamén resolveu a rehabilitación ambiental das Aulas de Estudo da Universidade da Coruña (UDC) nas que se evitou o problema da entrada de sol e o exceso de calor que provocaba as protestas do alumnado, cun mínimo de custo e sen instalación de aire acondicionado.
Creadora de Diálogos do Atlántico, unha plataforma coa que se consolidou unha rede de máis de 40 arquitectas galegas
A arquitecta chegou á docencia na ETSAC en 1982. Exerceu unha didáctica enerxizante, primeiro na materia Elementos de Composición e, posteriormente, en Proxectos, ata a súa xubilación en 2005. Os seus alumnos lémbrana escapándose polas marxes dos plans de estudos cara asuntos naquel momento poucos transitados nas aulas como os sociais, a diversidade funcional ou os conflitos medio ambientais. A partir de 1990 comezou a súa actividade institucional na UDC, profundando en temas de sustentabilidade, arquitectura e saúde e accesibilidade, temáticas desenvoltas na docencia en cursos de libre elección, conferencias, congresos ou diversos másters. A súa implicación na vida académica levouna a ocupar posicións relevantes no goberno da ETSAC.
Como representante do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) na Comisión Healthy Buildings da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), Goluboff organizou unha exposición de Arquitectura Medioambiental itinerante en 2002.
Outro dos seus eixos de traballo foi o desenvolvemento de temas de accesibilidade, por exemplo a partir da súa participación na redacción do Decreto Lei de Accesibilidade de Galicia e logo na Lei e nun proxecto piloto de adaptación de vivendas para a Fundación Paideia. Nesta área, Myriam Goluboff resolveu a adaptación dunha vivenda para unha persoa tetrapléxica e a rehabilitación dunha vivenda para turismo rural, totalmente accesible.
En 2002 desenvolveu unha investigación sobre a distinta percepción do espazo urbano dos nenos que van ao colexio andando e os que van en bus ou en coche, que expresaron en debuxos e respondendo a cuestionarios propostos polo seu compañeiro de equipo García Mira, psicólogo social. Esta experiencia foi moi importante para a toma de conciencia dos problemas de desenrolo dos seres humanos que xera a forma actual de organización das cidades.
Desde 2001 desenvolveu tamén a súa faceta literaria, publicando o libro Ciudades imposibles, onde ensaia, desde unha mirada íntima e crítica, os vínculos entre memoria, experiencia urbana e sensibilidade arquitectónica.
Ademais, é impulsora e coordinadora de Diálogos do Atlántico, unha plataforma coa que se consolidou unha rede de máis de 40 arquitectas galegas, xerando espazos de encontro interxeracional e pensamento sobre o territorio, a profesión e o habitar. Este traballo colectivo constitúe unha das contribucións máis relevantes á visibilidade do traballo das mulleres na arquitectura en Galicia.
A Unión Profesional de Galicia é unha asociación que representa a uns 43 colexios profesionais de ámbito galego e a 85.000 profesionais colexiados que exercen na comunidade, distingue nesta edición a traxectoria de 20 profesionais vinculados a 20 entidades colexiais galegas diferentes e recoñece a excelencia dos colexiados que exercen ou exerceron a súa profesión en Galicia.