Curso de Eficiencia enerxética en rehabilitación de edificios

15 Dec 2021

A Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo anuncia este curso de Posgrao, que pretende  ofrecer ao alumno unha visión ampla das últimas técnicas existentes para conseguir a eficiencia enerxética dos edificios, en especial á hora de proxectar a rehabilitación dos mesmos.

Para iso, introdúceselle no mundo do BIM e como pode ser empregado para o cálculo dos aforros en demandas enerxéticas, así como para a certificación dos edificios e o seu cumprimento do código técnico da edificación.

Continuaranse explicando as diferentes medidas pasivas que se están aplicando hoxe en día, xunto con ferramentas que permitan calculalas, executalas e realizar o seu orzamento. Céntrase, especialmente, no illamento e a redución de pontes térmicas.

O bloque sobre medidas activas introduce ao alumno no mundo da monitoraxe de edificios e a súa relación coas instalacións. Tamén se expón o cálculo e orzamento dunha instalación de ventilación mecánica, que axude a conseguir os obxectivos que expón o código técnico da edificación. Este bloque inclúe, ademais, a iniciación ao mundo das instalacións fotovoltaicas, con ferramentas de cálculo que proporcionan o potencial fotovoltaico dos edificios. Nun último capítulo deste bloque, móstrase como afecta a carga do vehículo eléctrico á instalación eléctrica dos aparcamentos do edificio.

Para finalizar o curso exponse ao alumno como optar ás axudas de rehabilitación de vivendas.

Calendario

LUGAR: Campus Remoto da Universidade de Vigo. Formato non presencial síncrono.

DATAS:  14 de xaneiro ao 25 de febreiro de 2022

Venres, de 16 h-20 h

Sábados, de 9:30 h-13:30 h

MÁIS INFORMACIÓN.

Compartir