O mércores 11 de novembro, ás 12:00, o COAG celebra unha nova xornada sobre casos de éxito en rehabilitación, coa exposición do proxecto “MODULUS MATRIX – 85 Social housing in Cornellà” do estudo PERIS+TORAL ARQUITECTES.
O estudo PERIS+TORAL ARQUITECTES con base en Barcelona e formado por Marta Peris e José Toral, dedícase á investigación de novas formas de habitar asociadas con novas maneiras de construír. O seu enfoque céntrase en afrontar os desafíos da emerxencia climática e de vivenda.
Este mércores presentaránnos este edificio innovador de seis plantas, organizado en torno a un patio composto por 85 vivendas de alugamento social cunha distribución flexible, construído mediante unha estrutura de madeira.
Este proxecto pioneiro en Barcelona, que emprega a construción en madeira, xurdiu a partir dunha formulación progresista en 2016 e transformou o enfoque do cliente respecto ao deseño e á construción de vivenda social en España. Anos despois da súa finalización, este marco arquitectónico —racional e coidadosamente detallado— fomentou un forte sentido de veciñanza e orgullo entre a comunidade de residentes.
Baseado no módulo de 3,6 x 3,6 metros —inspirado nas dimensións dunha esteira tatami—, o edificio organízase en torno a un patio central comunitario, con catro núcleos de circulación situados en cada esquina. Nas plantas superiores, o acceso ás vivendas realízase a través de galerías abertas ao patio, mentres que unha franxa de balcóns privados —habitables e continuos— envolve as catro fachadas exteriores.
A planta de cada nivel concíbese como unha «matriz de estancias comunicadas», estruturada en torno ao módulo de 3,6 metros, o que permite xerar distribucións amplas e flexibles en cada unha das vivendas.
Para o seguimento en directo desta xornada, é necesaria inscrición na seguinte [+ ligazón]
Colabora 
