Conforme á proposta da Xunta Directiva da delegación de Lugo, trala remodelación dos espazos de atención ao público na delegación de Lugo, a Xunta de Goberno determinou poñer en marcha a iniciativa “Oficina Aberta” como experiencia piloto a desenvolver nos espazos que se indican desa delegación, para que sirva como referencia á hora de valorar o seu interese entre os colexiados/as e valorando incluso unha réplica noutros espazos colexiais.
Esta iniciativa ten como finalidade a de dar a opción ás colexiadas e colexiados de facer un uso profesional eventual dos despachos vacantes nesa delegación.
A través da mesma, poderase facer uso, previa reserva, de calquera dos tres despachos que quedan dispoñibles na planta primeira da delegación de Lugo. Esta iniciativa está especialmente dirixida aos profesionais do Colexio con pouca dispoñibilidade de espazo nos seus propios estudios ou aqueles colexiados que, por cuestións de mobilidade xeográfica, precisen dun espazo puntual na cidade de Lugo.
As condicións para acollerse a esta iniciativa son os seguintes:
- Figurar inscrito no COAG como colexiado/a persoa física e atoparse ao corrente das súas obrigacións colexiais e en plenitude dos seus dereitos como persoa colexiada.
- Os despachos estarán dispoñibles en horario de 9 a 14 horas, de luns a venres, salvo festivos ou días sen atención presencial na delegación.
- As solicitudes deberán realizarse conforme ás indicacións que figuran a continuación. A solicitude non implica a reserva da sala ata que se reciba confirmación expresa.
- Deberase realizar unha solicitude expresa cada vez que se queira facer uso dun espazo colexial, non admitindo solicitudes de reserva dun mesmo espazo ou diferentes espazos por períodos de tempo extensos, nin solicitudes cunha antelación superior a dúas semanas.
- Cada colexiado/a poderá solicitar como máximo 4 horas á semana en total de uso de espazos, salvo que autorice expresamente superar ese límite.
- Será preciso que o solicitante identifique na solicitude a concreta actividade profesional a realizar e o número persoas que ocuparán o espazo no período solicitado.
- O/a solicitante será responsable da atención dos seus acompañantes durante o uso dos espazos colexiais.
- Ao realizar a primeira solicitude, será preciso subscribir co COAG un compromiso de aceptación das condicións de cesión de uso temporal de instalacións colexiais, antes de poder usar o espazo cedido. Unha vez asinado o mesmo, o/a colexiado/a poderá empregar os espazos autorizados, sen que sexa preciso subscribir un comprmiso en cada ocasión, salvo que se requira expresamente completar o mesmo con algunha condición particular non prevista. En todo caso, prevalecerán as condicións previstas no compromiso de cesión e sucesivos, sobre o previsto na presente convocatoria.
- O COLEXIADO/A CESIONARIO/A utilizará as instalacións para o uso autorizado nas seguintes condicións xerais:
-
- Utilizará as instalacións para o uso autorizado recibíndoas en perfecto estado polo que deberá mantelo á súa costa en idéntica situación. Prohíbense expresamente a realización de actividades ilícitas, molestas, nocivas ou perigosas.
- Será informado/a con carácter previo, respecto das condicións de acceso, seguridade e aforo máximo permitido nos espazos cedidos polo COAG, comprometéndose a respectar ditas condicións e asumindo, no seu caso, as responsabilidades que podan derivarse de seu incumprimento, respecto dos actos anteriores, coetáneos e posteriores á celebración da actividade profesional, eximindo de toda responsabilidade ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
- Faise directa e exclusivamente responsable de todo o que aconteza dentro das instalacións, responsabilizándose de calquera eventual daño que se produza ás propias instalacións cedidas, así como nos mobles e calquera outro elemento que se atope nas mesmas e danos que se produzan ás persoas, eximindo de toda responsabilidade ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
- Non poderá ceder a súa posición como cesionario nin total nin parcialmente, tendo a autorización para o uso de espazos carácter intuitu personae. Neste sentido, non se permitirá que os colexiados/as reserven as salas para uso de terceiros, debendo comparecer sempre o/a colexiado/a solicitante, antes de acceder ao espazo cedido.
- O cesionario deberá informar ao COAG de calquera cambio na reserva, coa maior antelación posible.
- O servizo será totalmente gratuíto e consistirá exclusivamente no uso do espazo reservado, da conexión wifi e dos baños asignados, non inclúe en ningún caso o servizo de secretaría, a realización de fotofocopias, servizo de teléfonía ou calquera outro.
- Cada despacho permitirá a ocupación como máximo por un número máximo de seis persoas.
- O COAG poderá anular ou cancelar a cesión autorizada en calquera momento se detecta calquera acto de incumprimento polo cesionario das condicións pactadas ou se a iniciativa que motivou o acordo decaera.
- O incumprimento de calquera das condicións indicadas na presente convocatoria ou no documento de cesión facilitado, poderá implicar a perda do dereito ao uso dos espazos.
ESPAZOS DISPOÑIBLES
A información sobre os despachos dispoñibles pódese consultar no seguinte enlace: https://www.coag.es/espazoslugo/
Todos os despachos dispoñen de wifi.
SOLICITUDES
As solicitudes deberán realizarse cubrindo o seguinte FORMULARIO cada vez que se queira solicitar o uso dun despacho. Unha vez recibida a solicitude, a mesma será valorada polo COAG, o cal comunicará ao solicitante o que proceda respecto ao uso pedido.