Fallo do Concurso para a construción do novo “Parque Deportivo Inclusivo Porto do Molle” no concello de Nigrán (Pontevedra) – Apertura de sobre nº 1

12 maio 2026

Publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público, con data 11 de maio, o fallo do xurado deste Concurso, no que saíu premiada a proposta “XEITO 8”, dos arquitectos Rodrigo Martínez García e Arturo Menduiña Hernández da sociedade Baile Menudiña, S.L.P.

Así, as propostas gañadoras foron:

PREMIO LEMA IDENTIDADE E EQUIPO
Primeiro Premio
(12.100 € IVE incluído, con carácter de pagamento a conta dos honorarios do contrato de servizos)
XEITO 8 Autor: Rodrigo Martínez García.
Autor: Arturo Menduiña Hernández.
Sociedade: BAILE MENDUIÑA, SLP.
Segundo Premio
(7.500 € IVE incluído)
NA1846 Autor: Antonio Álvarez-Cienfuegos Rubio.
Sociedade: Estudio arquitectura HAGO, S.L.
Terceiro Premio
(5.000 € IVE incluído)
BATEA DO BOSQUE Autora: María Vittoria Tesei.
Autor: Flavio Martella.
Sociedade: MOCA estudio arquitectos, S.L.P.
Primeiro accésit
(2.500 € IVE incluído)
ACU3DUTO Autor: Ignacio Senra Fernández-Miranda.
Segundo accésit
(2.500 € IVE incluído)
NLTH3 Autor: Pablo Otero Sánchez.

 


PRIMEIRO PREMIO: XEITO 8

Estética contundente e a unha intelixencia proxectual que ofrece unha resposta equilibrada ao programa e intervención obxecto do concurso. O anteproxecto defínese mediante un volume rotundo que concentra a maior parte do programa baixo unha gran cuberta inclinada a catro augas con acabado de pizarra negra, material altamente sostible, que evoca a tradición construtiva da Galicia máis atlántica. Malia a súa aparente tectonicidade e peso, a cuberta amosa unha sorprendente levedade ao parecer flotar mediante amplos voos sustentados unicamente por oito piares circulares, xesto que lle outorga unha elegancia formal única e unha imaxe de gran potencia icónica.

Espazo multifuncional de carácter semiaberto, destaca pola súa capacidade para protexer gran parte dos usos simultaneamene baixo cuberto, sen sacrificar a conexión directa coa contorna. A estratexia de implantación, baseada nunha escavación controlada, permite resolver a accesibilidade total de forma natural e fluída, sen necesidade de elementos mecánicos de comunicación vertical.

A nivel técnico, sobresae a aposta pola eficiencia, integrando con acerto o tratamento e reutilización das augas pluviais, a ventilación natural e a autosuficiencia enerxética do conxunto. No seu interior, a proposta mantén o rigor e o coidado presente no seu exterior, definindo uns espazos elegantes e sobrios que consolidan este equipamento como unha referencia de arquitectura de alta sensibilidade e eficiencia.


PANEL: XEITO 8 – PANEL


SEGUNDO PREMIO: NA1846

Destaca pola súa extraordinaria capacidade de mimetización e integración paisaxística, definindo unha estratexia de intervención que aposta polo silencio visual e a contención formal. A proposta sitúa a pista principal nun nivel deprimido respecto á cota de acceso, unha decisión de proxecto que permite estender unha cuberta axardinada en continuidade coa propia pista, garantindo así que a visión dos corredores permaneza totalmente despexada e libre de obstáculos arquitectónicos. Esta configuración soterrada non só minimiza o impacto visual da peza desde o exterior, facéndoa case imperceptible na contorna fluvial, senón que logra crear un microclima singular no seu interior. A intervención complétase cun rigoroso e interesantísimo estudo de especies vexetais que aspiran a transformar o recinto nun auténtico reduto de biodiversidade, aportando un valor ecolóxico que transcende ao uso deportivo. Fronte a outras solucións semiabertas, NA1846 opta por unha estructura limpa e sinxela que define un espazo pechado de calidade, onde a arquitectura renuncia ao protagonismo para converterse en xeografía, consolidando un ágora como espazo deportivo e de lecer que se percibe como un baleiro esculpido no propio terreo.


PANEL: NA1846 – PANEL


TERCEIRO PREMIO: BATEA DO BOSQUE

Destaca pola súa potencia formal, ao trasladar un elemento da paisaxe mariñeira galega á contorna fluvial a través dunha linguaxe arquitectónica contemporánea. A reinterpretación da “batea” non se queda no plano estético, senón que se converte nunha solución técnica de gran atractivo, proporcionando unha cuberta de gran luz que dota de unidade e escala ao programa deportivo. O proxecto proporciona unha permeabilidade visual que protexe fronte á climatoloxía adversa sen renunciar á sensación de exterior, facilitando unha práctica deportiva inclusiva en contacto directo coa natureza. Singularidade formal que garante o carácter de edificio público recoñecible, achegando unha calidade estética que dignifica o espazo deportivo. Arquitectura pasiva que procura a eficiencia enerxética, e con vocación de significación como unha referenza icónica do municipio.


PANEL: BATEA DO BOSQUE – PANEL


PRIMEIRO ACCÉSIT: ACU3DUTO

O proxecto destaca pola acertada sutura do paseo fluvial do Río Muiños co espazo deportivo proxectado. A disolución dos límites entre recinto deportivo e a fronte fluvial, conformando unha continuidade de uso volcado á natureza, outorgan un alto valor integrador á proposta.

Sinxeleza construtiva, respectuosa resolución do ciclo da auga, implementación de superficiesdrenantes e vexetación específica para unha proposta de excelente valor paisaxístico.

O desenvolvemento do programa no nivel de acceso o converten nunha actuación altamente inclusiva e versátil, que pode actuar como espazo mixto de lecer e deportivo, transcendendo a súa función específica para converterse nunha plataforma de mediación paisaxística que pon en valor a fronte de auga como activo público.


PANEL: ACU3DUTO – PANEL


SEGUNDO ACCÉSIT: NLTH3

O xurado valora positivamente a calidade do deseño plantexado. Espazo principal cuberto, con presenza no territorio e programa funcional dividido entre usos auxiliares e uso deportivo multifuncional. Mínima intrusión no terreo, que reduce os movementos de terra e favorece a máxima accesibilidade do complexo, con rampas e recorridos amables que invitan á práctica de deporte plenamente inclusivo, sen necesidade de instalación de ascensor.

Sistema estrutural protagonista, que transmite lixereza e transparencia visual, luminosidade e diálogo coa natureza da contorna. O anel de atletismo intégrase creando un espazo público de deporte, convivenza e natureza, que transmite elegancia, sutileza e arquitectura de calidade.


PANEL: NLTH3 – PANEL


 

ENLACE PLATAFORMA DE CONTRATACIÓN DEL ESTADO

Compartir