Concurso de proxectos, con intervención de xurado, para a transformación da imaxe urbana da contorna da Praza de España en Vigo

19 Nov 2026

Publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público, a convocatoria do Consello de Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo do Concurso de proxectos, con intervención de xurado, para a transformación da imaxe urbana da contorna da Praza de España en Vigo.

O obxectivo é seleccionar as melloras propostas que definan a nova imaxe urbana e os criterios de acabado superficial que buscan a transformación dunha das principais prazas de Vigo e a súa contorna cunha superficie que pode alcanzar os 43.500 metros cadrados.

Desde o COAG contactouse co Concello de Vigo para solicitar varias rectificacións nos pregos, en especial no referente á cesion da propiedade intelectual das propostas e aínda estamos pendentes de resposta. En calquera caso óptase por difundir a convocatoria polo posible interese das persoas colexiadas.

O valor estimado da convocatoria do concurso de proxectos, resultado da suma dos pagos aos participantes en concepto de premios e valor estimado do contrato de servizos, ascende a 85.000 € sen IVE, consonte ao estipulado no artigo 183.4 LCSP, e non correspondendo a opción de prórroga ou modificación contractual. A fin de xustificar a súa determinación establécese a seguinte desagregación:

Importe total dos premios: 40.000 €, IVE non engadido.

No concurso de proxectos seleccionarase a proposta gañadora e concederase un segundo e terceiro premio. Os premios estarán suxeitos, no seu caso, ás retencións e impostos correspondentes e a súa contía é a seguinte:

IMPORTE SEN IVE 21% IVE IMPORTE CON IVE
Proposta gañadora 20.000 € 4.200 € 24.200 €
2º PREMIO 12.000 € 2.520 € 14.520 €
3º PREMIO 8.000 € 1.680 € 9.680 €
TOTAL 40.000 € 8.400 € 48.400 €

O xurado poderá conceder, no seu caso, as mencións a cantos proxectos considere merecedores de tal distinción, sen contía económica.

O prazo de presentación de propostas remata o 14 de decembro de 2026.

ENLACE Á PLATAFORMA DE CONTRATACIÓN DEL SECTOR PÚBLICO

Compartir