O Colexio de Arquitectos de Galicia comezou a recepción das diferentes forzas políticas con representación no parlamento galego. Previamente, elaborou un documento que condensa dezaoito medidas prioritarias para solicitar que sexan tidas en conta polo próximo goberno da Xunta de Galicia.
No eido residencial exponse unha defensa da vivenda pública, a elaboración de plans de vivenda e un pacto pola vivenda que asuman de xeito conxunto todos os partidos políticos. En canto a ordenación do territorio demandase unha maior desenvolvemento dos instrumentos elaborados así como unha participación activa do noso colectivo na planificación territorial estratéxica. A terceira liña incide na defensa do patrimonio, tanto no edificatorio como nas contornas construídas, reforzando o compromiso coa rehabilitación e revitalización das cidades e pobos.
No referente á nosa profesión, pídeselle aos partidos que apliquen a Lei de Arquitectura, comezando pola convocatoria de concursos de arquitectura abertos, como apoio decidido aos pequenos estudios. Solicitase tamén garantir uns honorarios mínimos na administración, de xeito que poidan ser referencia a nivel xeral e a colaboración da administración galega para a simplificación administrativa, que mellore os tempos de concesións de licenzas. Neste senso, tamén se demanda a presenza de arquitectos/as en todos os concellos de Galicia, así como o reforzo e consolidación laboral dos existentes.
Desde o COAG estamos agradecidos aos principais partidos políticos que, durante este proceso electoral, teñen mostrado o seu interese nas problemáticas e demandas do noso colectivo, recoñecendo ao Colexio de Arquitectos como axente esencial na transformación da sociedade, como ven acontecendo nos últimos 50 anos.