Nos próximos días publicarase no DOG a convocatoria oficial da edición 2024-2025 do Curso Superior de Técnico de Urbanismo que, novamente, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza en colaboración coa EGAP. Este curso ten como obxectivo que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que lles capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para ese efecto se parte da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible no ámbito da ordenación do territorio e do urbanismo.
No seguinte enlace pode consultarse a programación do curso, contidos detallados, horarios e relatores, que pode ser obxecto de pequenos axustes e cuxa versión definitiva se publicará coa apertura da matrícula: [programa]
Datas e lugar de celebración:
O curso desenvolverase en modalidade presencial, nas aulas da EGAP, rúa Madrid, 2-4, polígono de Fontiñas, Santiago de Compostela. No programa indícanse as datas e horario previsto para cada unha das xornadas.
Terá unha duración de 350 horas que se distribuirán a razón de oito horas por semana, ordinariamente os xoves de 10.00 h. a 14.15 h. e de 15.30 h. a 19.30 h. A apertura oficial do curso está programada para o mércores 21 de febreiro.
Matriculación:
O prazo de matrícula abrirase ás 9 da mañán seguinte á publicación da convocatoria oficial do curso no DOG, que terá lugar nos próximos días. No momento en que dita publicación sexa efectiva, vos informaremos a través dos medios habituais.
Os importes de matrícula son os seguintes:
- Matrícula ordinaria: 3.450 euros
- Colexiados: 2.950 euros
- Colexiados subscritos ao servizo de formación: 2.200 euros*
- Empregados públicos con dereito a bonificación: 2.200 euros
(*) Os colexiados que non vos atopedes subscritos ao servizo de formación en 2024, podedes solicitar a subscrición (nova consulta) no seguinte enlace.
Modalidades de pago:
O importe de matrícula poderá facerse efectivo nun único pago, ou ben fraccionarse en dous prazos:
- O 60% no momento da formalización da inscrición.
- O 40% no mes de abril de 2024.
Os alumnos que opten por facer efectivo o importe total nun único pago, terán unha bonificación adicional dun 5% sobre o importe de matrícula correspondente.
Máis información e consultas:
Para formular consultas ao respecto deste curso, podes dirixirte a nós a través de:
- Colexiados: a través do panel de servizos do COAG, no apartado Realizar consultas da sección de Formación [+ enlace]
- Non colexiados: a través do enderezo de correo electrónico formacion@colexiodearquitectos.org
Recoñecementos oficiais:
O curso está homologado pola Escola Galega de Administración Pública e valorado con 1,5 puntos en convocatorias oficiais.
Advertencia: A celebración do curso está condicionada a que se alcance o número mínimo de alumnos matriculados para a viabilidade do mesmo. En caso contrario, comunicarase a cancelación do curso e o COAG procederá á devolución dos importes abonados.