Conferencia de Óscar Fuertes Dopico

13 Out 2023

O mércores 18 de outubro, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia As arquitecturas e a modificación do bordo litoral da gran industria marítima que será impartida polo arquitecto e investigador Óscar Fuertes Dopico, profesor no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da UDC e socio do estudio Fuertes-Penedo arquitectos.

Síntese

No litoral galego desenvólvense actividades, oficios e modos de vida ligados ao mar, condicionados dende o inicio polas particularidades xeográficas e climáticas do seu emprazamento, que deron lugar a unha cultura característica. Moitas destas manifestacións seguen vivas, outras teñen desaparecido deixando vestixios que hoxe atesouran unha cultura propia; un patrimonio cultural que explica a transformación do territorio e do modo de vida da xente do mar (ramplas, casetas de pescadores, cetarias, muíños de maré, carpinterías de ribeira, estaleiros, espazos de acuicultura ou amarres…).

Fermosas paisaxes litorais, un espazo entendido e respectado no seu inicio, un territorio característico que foi, é e será sustento de moitas familias e parte da memoria colectiva. Nesta conferencia, como froito dunha sucesión de traballos de investigación realizados dende hai máis de quince anos, tratarase de amosar o camiño andado e a visión a futuro, así como profundar na complexidade dun bordo litoral modificado que é sinal de identidade da Galicia litoral.

©@ PCUMA – Nosocoop

Óscar Fuertes Dopico

Doutor arquitecto formado na ETSAC, en 2006 realiza un Erasmus na Accademia di Architettura di Mendrisio, Suiza e no 2011 o Curso Doctoring the Doctorate na AA School of Architecture, Londres. A súa tese de doutoramento obtén Premio extraordinario, é publicada pola Xunta de Galicia e premiada na XIV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo. Dende o 2019 compaxina o labor docente –como Profesor asociado no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña– co labor profesional –como socio do estudio Fuertes-Penedo–, obtendo recoñecementos como o Premio na XIV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo 2021, Premio Young European Architects 2020 (evento colateral Bienal de Arquitectura de Venecia), Premio rehabilitación nos XIX Premios COAG (2021) ou Finalistas premios FAD 2019, entre outros.

A súa investigación está centrada no patrimonio marítimo, participando como investigador e coordinador de diferentes proxectos autonómicos e internacionais: Diagnóstico do Hábitat Rural (2008, UDC), Dorna (2010, COAG), Dorna II (2013, UDC) ou UTM (2018, Xunta). A súa produción investigadora abrangue a publicación de artigos e a participación en congresos en España, Portugal e Reino Unido; e na actualidade dirixe o Plan de Cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030.

DATA:

Mércores 18 de outubro 2023 – 19:00 horas

LUGAR:

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORAN:

Asociación cultural Flor de Santiago

Viñedo Lagar do Vento

Compartir