Informe sobre a evolución do visado de vivendas de nova planta no período 2019-2024

16 Xul 2025

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou o pasado 8 de xullo o informe sobre a ‘Evolución do visado de vivendas de nova planta no período 2019-2024’, nun acto celebrado na sede colexial da Praza da Quintana en Santiago, presentado polo decano e pola secretaria.

O decano explicou que, coa presentación deste informe, o COAG recupera unha das súas liñas de información máis recoñecidas socialmente e con maior tradición, e reivindica o seu papel como fonte principal e fiable de información sobre a actividade construtiva e urbanística de Galicia que afecta ao conxunto da sociedade, coa finalidade de que a cidadanía, as administración públicas e os sectores produtivos poidan opinar e forxar un criterio para planificar, a partir da súa análise, estratexias a medio e longo prazo.

No período 2019-2024 visáronse en Galicia 8.415 vivendas colectivas e 9.518 vivendas unifmiliares, sumando entre as dúas tipoloxías 17.933 vivendas de nova planta nos seis últimos anos (Por provincias: A Coruña: 4.072 colectiva e 4.460 unifamiliar, total: 8.532; Lugo: 619 colectiva e 671 unifamiliar, total: 1.290; Ourense: 386 colectiva e 911unifamiliar, total: 1.297; e Pontevedra: 3.338 colectiva e 3.476 unifamiliar, total: 6.814). 

En concreto, o decano sinalou que estes datos marcan unha certa tendencia á estabilización, alcanzando en 2024 o máximo dos últimos dez anos ao visar 3.484 vivendas de nova planta. 

As vivendas visadas en 2024 son un 164 % máis que as de 2014, pero só representan un 10 % das visadas en 2004 e un 20 % das visadas en 1994. O decano indicou que, trala burbulla inmobiliaria, non se albiscan trazas de recuperación, pois no mellor dos casos estanse a crear nestes anos en torno ao 15 % da vivendas que se promovían nos peores anos previos á crise. A pesar do incremento dos últimos anos, en Galicia só se constrúe o 10 % das vivendas de fai 20 anos.

Na presentación do informe, o decano asegurou que o período 2019-2024 vén marcado por unha serie de eventos internacionais que alteran directamente as canles de subministro, os mercados financeiros e a economía global, reflectindo a economía local as súas consecuencias.

Así, o decano sinalou que, fronte á situación previa á pandemia, houbo un crecemento dos visados nos anos 2021 e 2022, e xa no 2023 produciuse unha baixada da vivenda colectiva, coa perda do 31 % do aumento das vivendas visadas dos dous anos anteriores, seguramente polo efecto diferido non tempo do sucedido nos meses da pandemia, con retrasos administrativos e a contención do investimento. Seguindo coa vivenda colectiva, indicou que esta tipoloxía volveu repuntar en 2024 un 40 % respecto ao promedio do 2019-2023, un efecto máis pronunciado debido a desenvolvementos concretos, a pesares do incremento substancial que sufriu o prezo dos materiais de construción desde 2021, cun promedio agregado da suba en 2024 do 29 %, con picos de aumento do 70 %

En canto á vivenda unifamiliar, o decano atribuíu a súa suba entre 2020 e 2022 ao “efecto pandemia” na poboación, e o seu descenso nestes dous últimos anos pola suba dos custos dos materiais de construción.

A pesar do incremento do número de vivendas iniciadas en Galicia nos últimos anos, segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, que a vivenda protexida representa menos do 5 % do total do construído.

Ademais dos datos correspondentes aos últimos seis anos, organizados por provincias e comarcas, o informe ofrece unha análise da evolución do visado de vivenda de nova planta no primeiro semestre de 2025, cun aumento do visado do 19 % da vivenda total de nova planta, un 26 % correspondente á vivenda colectiva e un 6 % á vivenda unifamiliar. Os datos reflicten o pulo do eixo atlántico e un crecemento dos concellos limítrofes, liderado polas sete cidades e as cabezas de comarca.

Outro aspecto que analizou o decano foron os prazos de terminación das obras que impiden dar unha resposta áxil á demanda de vivendas. Segundo matizou, o avultado número de vivendas con visado e sen Certificado Final de Obra pode ser unha oportunidade para completar o parque edificatorio de Galicia, a pesar de que a media entre o visado dunha vivenda e o remate da mesma e de máis de tres anos. Pero salientou que, actualmente en Galicia, hai máis de 50.000 vivendas que teñen o visado, pero non se chegaron a rematar, na maioría dos casos, pola crise, en concreto unhas 35.000 vivendas.

O informe completo pode consultarse no seguinte ENLACE

Compartir