Fallados os Premios de Arquitectura e Rehabilitación Galicia 2025

27 Nov 2025

A Xunta recoñece as traxectorias profesionais de Jesús Irisarri, Guadalupe Piñera e Roberto Medín nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2025, fallados no día de onte.

Premiados

Premio galego de arquitectura 2025:

O xurado acorda galardoar co premio galego de arquitectura 2025 ex aequo aos seguintes proxectos cunha dotación de 3.500 € para cada un deles. Son as seguintes obras arquitectónicas:

“HALO” Vigo

Arquitectos: Alexandre Mouriño Fernández (AM2 ARQUITECTOS) | Jose Carlos Núñez de Oliveira (Noarq) | Miguel Sacristán Montesinos (ICCP, Arenas & Asociados)

Promotor Concello de Vigo
Construtor UTE HALO VIGO (Ferrovial – Oreco Balgón)

O xurado valorou fundamentalmente da proposta que é unha solución brillante a un problema que resolve cunha singularidade arquitectónica e constitúe un símbolo dentro da cidade. Considera que é unha obra encomiable pola configuración arquitectónica do elemento e por como se integra nunha topografía difícil e degradada.

“EDIFICIO PARA 34 VIVENDAS, PRAZAS DE GARAXE E ROCHOS” Santiago de Compostela

Arquitectos: Manuel Carbajo Capeans | Celso Barrios Ceide (Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados, SLP)

Arquitecto Técnico: Enrique Martínez Carregal
Promotor: Alto Residencial Sociedade Cooperativa Galega
Construtor: Por administración

O xurado valorou fundamentalmente da proposta a simplicidade, economía e talento para aproveitar os recursos para conseguir unha solución moi brillante, cunha sobriedade de medios que se convirte na súa maior virtude resultando, en definitiva, un exercicio exemplar.

Premio galego de rehabilitación 2025:

O xurado acorda galardoar co premio galego de rehabilitación 2025 a:

“REHABILITACIÓN INTERIOR DA CASA CONSISTORIAL DE PONTEVEDRA”

Arquitectos: Maria Gracia Amandi Joglar | Dionisio Jorge De Uña Santos

Arquitecto Técnico/ Aparellador: Luis Ángel Fernández | Regina Quinteiro | Sandra Valverde
Promotor: Concello de Pontevedra
Construtor; UTE Pazo do Concello de Pontevedra: Construcciones Ramírez S.L. + REVIVIS – Reabilitação, Restauro e Construção, Lda

O xurado valorou a actuación realizada nun edificio de considerable valor histórico rescatando elementos que estaban na concepción orixinal do edificio e resolvendo problemas actuais nun edificio histórico, introducindo nun mesmo edifico dúas solucións nun gran exercicio de creatividade.

Premio especial á sustentabilidade:

O xurado acorda galardoar co premio especial á sustentabilidade 2025 a:

“AMPLIACIÓN E REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE DE PORRIÑO (PONTEVEDRA)”

Arquitectos: Cristina Ezcurra de la Iglesia | Cristina Ouzande Lugo (Ezcurra y Ouzande Arquitectura, SLP)

Arquitecto Técnico/ Aparellador: Antonio Carballo Couñago | Luis Ángel Fernández Neira
Promotor: SERGAS
Construtor: S.A. de obras y sevicios COPASA

O xurado valora o acerto á hora de ampliar o centro de saúde existente con novos criterios ao que se lle engade un edificio novo que resolve de forma eficaz a problemática de rehabilitar un edificio con poucos materiais, ben empregados e moi limpos, e unha maior funcionalidade. É unha actuación brillante que corrixe erros do edificio existente e consegue unir os dous edificios cunha visión moi agradable, mimando os detalles e cun alto grao de satisfacción das persoas profesionais e usuarias do centro de Saúde.

Premio á traxectoria profesional: arquitecto/a

D. Jesús Irisarri Castro e Dona Guadalupe Piñera Manso

– Premio especial á traxectoria profesional na categoría de arquitecto: D. Jesús Irisarri Castro e Dona Guadalupe Piñera Manso (Irisarri Piñeira Arquitectos).

O xurado acorda por unanimidade conceder a D. Jesús Irisarri Castro e Dona Guadalupe Piñera Manso o Premio especial á traxectoria profesional na categoría de arquitecto, en recoñecemento á súa achega continuada, ética e exemplar á arquitectura galega contemporánea.

A obra de Irisarri Piñeira representa unha práctica arquitectónica de alta calidade, caracterizada por unha profunda coherencia conceptual, un dominio técnico refinado e unha clara vocación pública. Ao longo das últimas décadas, o estudo desenvolveu proxectos que destacan por:

– Innovación material e rigor construtivo –

A súa arquitectura explora con solvencia novas linguaxes tectónicas e solucións construtivas avanzadas. O uso expresivo da lámina de formigón, a envolvente de madeira e vidro no Centro de Saúde de Muros, ou a integración de sistemas pasivos de eficiencia enerxética, evidencian unha investigación constante sobre os materiais e a súa capacidade para xerar atmosferas e significados.

– Compromiso co servizo público –

A intervención en equipamentos públicos —Centros de Saúde, Departamentos de Pescadores en Cangas, rehabilitación de Rexistros da Propiedade— amosa unha arquitectura que entende o espazo construído como ferramenta de cohesión social. Estes proxectos dignifican os usos cotiáns, cualifican o tecido urbano e responden ás necesidades cidadás con sensibilidade e intelixencia.

– Integración paisaxística e contextual –

Proxectos como a Cidade Deportiva Afouteza ou a Vivenda en Picoto demostran unha lectura precisa e respectuosa do territorio. A súa arquitectura dialoga coa paisaxe, potenciando os valores naturais e culturais da contorna, e convertendo o lugar en materia activa do proxecto.

Por todo o anterior, o xurado considera que a traxectoria de Irisarri Piñeira Arquitectos encarna os principios fundamentais da arquitectura como disciplina cultural, técnica e social. Pola súa excelencia profesional, polo seu compromiso coa cidadanía e pola súa capacidade para transformar o territorio desde a responsabilidade e o coñecemento, postulamos este estudo como merecedor do Premio á Traxectoria.

Premio á traxectoria profesional: aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a

D. Roberto Medín Guyatt

– Premio especial á traxectoria profesional na categoría de aparellador ou arquitecto técnico: D. Roberto Medín Guyatt.

O xurado acorda por unanimidade conceder a D. Roberto Medín Guyatt o premio especial á traxectoria profesional, en recoñecemento á súa longa, exitosa e impecable vida laboral a favor da arquitectura técnica no territorio galego.

Aparellador, arquitecto técnico e graduado en enxeñería de edificación, pero por riba de todo magnífico profesional, mellor persoa e compañeiro de vocación e alma, creador de construcións singulares e vínculos humanos únicos. Referente en activo da nosa profesión durante 5 décadas, tamén para novas xeracións de estudantes como profesor admirado pola súa proximidade e entrega, firme de-fensor da profesión en todos os foros e medios onde ten ocasión de participar, e todo un exemplo de ética, compromiso e sobre todo de humanidade.

A súa carreira profesional comeza no ano 1972 como arquitecto técnico contratado ao servizo da Administración de Defensa, na Comandancia de Obras da Coruña, como xefe de obra en diversas obras de rehabilitación, modernización e de nova planta, destacando entre outras actuacións a de Modernización do Hospital Militar da Coruña, o novo edificio da Xefatura de Sanidade, o Centro Táctico nº 12 da Rede Territorial de Mando (cota 806 do Monte Campelo, en Sobrado dos Monxes) e a Terminal 22 da mesma Rede en Capitanía Xeral da Coruña. O mesmo tempo, comeza a súa actividade de dirección de execución colaborando co estudo de arquitectura do arquitecto Andrés Fernández‐Albalat Lois.

En 1981 deixa a Comandancia de Obras e dende entón desenvolve a súa actividade profesional integramente no campo do exercicio libre da profesión, con dedicación principal á Dirección da Execución de Obras de Edificación, á Coordinación de Seguridade e Saúde, á Inspección Técnica de Edificios e á Pericia Xudicial. Tamén foi perito taxador.

A súa participación como director de execución da obra e como coordinador de seguridade e saúde, en importantes promocións tanto públicas como privadas e colaborando cos profesionais máis prestixiosos, é ampla e extensa. A continuación destácanse algunhas das súas obras más recoñecidas e importantes:

Facultades de Matemáticas e Bioloxía do Campus da Universidade de Santiago de Compostela.
Estadio de San Lázaro, en Santiago de Compostela.
Edificio Sede de Rede Eléctrica na Coruña.
Edificio para o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), en San Lázaro, Santiago de Compostela.
Edificio para o Instituto Galego de Estatística (IGE), en San Lázaro, Santiago de Compostela.
Edificio Administrativo para el Servizo Galego de Saúde (SERGAS), en San Lázaro, Santiago de Compostela.
Residencia Oficial do Presidente da Xunta de Galicia e Edificio Representativo da Presidencia en Monte Pío, Santiago de Compostela.
Edificio para a Biblioteca do Estado na Avenida Xoán XXIII de Santiago de Compostela.
Edificio Administrativo para a Xunta de Galicia en Campolongo ‐ Pontevedra.
Edificio para a Fundación Santiago Rey Fernández‐Latorre, no Polígono de Sabón – Arteixo.
Montaxe de Elementos Museográficos do Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) na Coruña.

Pero por si todo isto non fose suficiente, o recoñecemento á súa traxectoria profesional non sería completo e, ademais, sería inxusto non facelo, se non se fai mención á súa defensa activa da nosa profesión a través da súa participación en distintos órganos de goberno da arquitectura técnica. Así, dende 1997 ata 2009 foi presidente do Colexio Profesional da provincia da Coruña e conselleiro do Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España, con participación nas comisións de Seguridade e Saúde Laboral, na de Estatística e na de Visado de devandito Consello Xeral. Foi redactor da normativa deontolóxica de actuación profesional.

En xuño de 2017 e ata o ano 2023 volve a ser presidente do seu Colexio Profesional cun amplísimo apoio colexial, e participa na Comisión nacional de Deontoloxía, da que foi presidente, e na comisión bilateral que o Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España mantén co Consello Superior de Arquitectos de España. Tamén foi secretario xeral de Unión Profesional de Galicia.

Por todo isto e por outras moitas cuestións que non é viable incluír porque farían eterno este documento, non cabe ningunha dúbida de que Roberto Medín Guyatt, que aos 75 anos segue en activo, merece o maior dos recoñecementos que se poidan facer.

Premio de arquitectura

HALO

HALO

HALO é un elemento de cohesión social e unha ferramenta de mellora da sustentabilidade. Salvando en 28 segundos un desnivel de 45 m este dobre elevador urbano une nun par de minutos unha distancia que ata a data só podía ser salvada camiñando durante 20 minutos. No seu primeiro ano en funcionamento moveu a máis de 2M de usuarios, co que en termos de redución de pegada de carbono este dato supón. A nivel socioeconómico este elevador une dous ámbitos con dúas rendas per cápita moi desiguais. Dita desigualdade comezou a minguar desde a súa entrada en funcionamento. Formalmente as pasarelas en forma circular unha cuberta e outra descuberta ofrecen ao usuario unha experiencia de compresión e expansión espacial que converten a este elemento nun novo miradoiro sobre a Ría de Vigo. Dous aeroxeradores de eixo vertical producen o 20% da enerxía requirida. Estas características e a súa sutil iluminación nocturna convertérono nunha nova icona da cidade. +INFO.

EDIFICIO PARA 34 VIVENDAS, PRAZAS DE GARAXE E ROCHOS.

EDIFICIO PARA 34 VIVENDAS, PRAZAS DE GARAXE E ROCHOS.

Alto Residencial Coop prevé a construción de 34 vivendas en edificación aberta promovida por un grupo de propietarios constituídos en cooperativa, reducindo os custos de construción (ao eliminar o beneficio promotor), democratizando a toma de decisións e xerando un sentimento de pertenza para a futura convivencia e interacción no espazo construído. A edificación aséntase nunha das últimas parcelas vacantes dun polígono residencial xurdido nos anos 90 no bordo do chan urbano consolidado de Santiago de Compostela. Na ordenación urbanística vixente para este ámbito, as edificacións de uso residencial desenvólvense en bloques en U abrazando patios interiores de uso privado, a excepción do flanco este do sector (a parcela do proxecto) que se adapta á trama de edificación de baixa densidade prexistente, mediante edificacións en tipoloxía de bloque aberto lineal. A parcela serve tamén para resolver os desniveis existentes, sendo a edificación unha contención entre distintos elementos do espazo público. +INFO.

Premio galego de rehabilitación

Rehabilitación interior da Casa consistorial de Pontevedra

Rehabilitación interior da Casa consistorial de Pontevedra

Intervense en edificio de 1879 realizado polo arquitecto Alejandro Sesmero como sede do Concello de Pontevedra. A solución adoptada abre o atrio e a escaleira monumental, facéndoos protagonistas do espazo. Retíranse as carpinterías colocadas nos anos 50 no atrio e hall principal, facendo que o lucernario existente ilumine as zonas de comunicación. Créanse novos espazos abertos e flexibles, organizados por franxas funcionais ao redor de caixas de madeira exentas, de deseño contemporáneo, funcionais e respectuosas coa preexistencia.

Para solucionar os problemas de accesibilidade instálase un ascensor que vincula as tres plantas desde unha posición discreta e facilmente accesible desde o acceso da rúa Alhóndiga. Este acceso histórico a cota, se cualifica e dota de servizos, deixando o acceso monumental de Praza de España para actos institucionais. +INFO.

Premio especial á sustentabilidade

Ampliación e reforma do Centro de Saúde de Porriño (Pontevedra)

Ampliación e reforma do Centro de Saúde de Porriño (Pontevedra)

O proxecto aborda o deseño dun edificio de nova planta que amplía o C.S. actual así como unha renovación parcial deste último para adecualo ás novas demandas do servizo.

O novo edificio sitúase ao norte do existente, na única zona dispoñible do solar. O chan no que se vai a construír ten unha forte pendente, de maneira que a súa planta baixa, coincide coa planta primeira do Centro de Saúde.

Para resolver esta nova construción, óptase por un sistema de armazón de madeira para muros de carga e cerramento e forxados de contralaminado, que se desenvolverá en tres plantas. +INFO.

Mencións

Premio de arquitectura

img_01_02
EDIFICIO DE 17 VIVENDAS, GARAXE E ROCHOS EN VIGO

O xurado destaca a solución de fachada que é actual pero enlaza moi ben co entorno integrándose con harmonía cos edificios existentes. +INFO.

img_01_01
HOTEL DA NATUREZA PEPE_VIEIRA

O xurado valora o deseño coidado desta obra que destaca pola interpretación paisaxística e a súa implantación nun entorno privilexiado. +INFO.

img_01_02
VIVENDA UNIFAMILIAR EN VALADARES

O xurado destaca o sistema construtivo, o resultado formal, a volumetría sinxela e a solución na parcela que dotan ao proxecto dunha simplicidade brillante. +INFO.

Casa Panches
CASA PANCHÉS

O xurado destaca  nesta obra que abre camiños a unha nova forma de construción en Galicia con emprego de materiais como a madeira. +INFO.

Premio galego de rehabilitación

Acondicionamiento de Edificio Comercial para Uso de Restaurante

ACONDICIONAMENTO DE EDIFICIO COMERCIAL PARA USO DE RESTAURANTE EN PONTEVEDRA

O xurado destaca que con moi poucos elementos de plataformas e escaleiras consigue unha circulación e un esquema de programa bastante novidoso, recuperando tamén mobles do edificio orixinal destacando a luz e a transparencia interior. +INFO.

REHABILITACIÓN DE EDIFICACIÓN PARA LOCAL COMERCIAL E VIVENDA EN CEE

REHABILITACIÓN DE EDIFICACIÓN PARA LOCAL COMERCIAL E VIVENDA EN CEE

O xurado destaca a recuperación do espírito inicial do edificio, volvendo ao seu volume orixinal e recuperando a idea do lucernario dignificando o contorno xeral do conxunto histórico de Cee. +INFO.

RESTAURACIÓN DEL PABELLÓN HISTORICISTA Y EL MURO PERIMETRAL DE SAN MARTÍN PINARIO.

RESTAURACIÓN DO PAVILLÓN HISTORICISTA E O MURO PERIMETRAL DE SAN MARTÍN PINARIO.

Nesta obra, o xurado valora que  é un edificio limpo de fachada acristalada que pon de manifesto a beleza e elegancia da rehabilitación. +INFO.

 

Premio especial á sustentabilidade

Non hai mencións para esta categoría

FONTE: XUNTA DE GALICIA

Compartir