A partires do día 1 de novembro o Concello de Marín incorporarase á interoperabilidade co COAG a través da plataforma “pasaxe”. Este servizo é froito do convenio asinado entre o COAG e a Xunta de Galicia. Así, a partires do día 1 de novembro, consignando o código de expediente/traballos do COAG na tramitación da licencia ou de outras autorizacións administrativas, e sempre e cando os técnicos redactores o teñan autorizado previamente, o Concello accederá á documentación técnica correspondente para incorporala á tramitación municipal.

En que concellos está dispoñible o servizo de interoperabilidade?

O servizo está dispoñible nos concellos de Vigo, Lugo e San Cibrao, así como nos 72 Concellos aos que a Deputación da Coruña dá soporte. A partires do día 1 de novembro de 2021 tamén estará dispoñible no Concello de Marín.

Como funciona?

Basta que os arquitectos redactores autoricen a descarga e proporcionen ao promotor que solicita a licenza ou outras autorizacións, o código de expediente e traballo(s), para que se indique(n) na solicitude. A partires dese momento, o Concello poderá descargar a documentación técnica desde o COAG para que quede incorporada ao expediente municipal, sendo notificados os arquitectos autores no momento no que esta descarga se produza.

Como autorizan a descarga os arquitectos redactores?

A autorización da descarga polos arquitectos pode activarse no COAGEstudio para cada traballo tramitado coa estrutura documental guiada (estructura documental -> premer no traballo -> ficha do traballo -> activar a opción “enviar á administración unha vez visado”), ou por defecto para todos os traballos que se tramiten en diante nos concellos que teñen adscritos ao sistema (Administración -> Valores de configuración -> Activar Envío á Administración do Traballo).

Tamén se pode autorizar/revogar a descarga pola administración, en calquera momento, a través da web do COAG (Panel de servizos -> visado e asesoramento técnico -> consulta web de expedientes -> ficha do traballo -> envío á administración).

Como se realiza a autorización do promotor?

Só é preciso consignar nos formularios de solicitude de licencia e outras autorizacións (presenciais ou online) os traballos profesionais correspondentes (número de expediente COAG e número(s) dos traballo(s)).

É importante subliñar que, ademais do código de expediente, se deben autorizar e consignar todos os traballos para os que se autoriza a descarga. Por exemplo, si se atopan visados/rexistrados no COAG, dentro do expediente 200000, os traballos 2 (proxecto de execución), (3) folla de estatística, (4) oficio de dirección, consignaríanse na solicitude o número de expediente 200000 e os traballos 2,3,4.