SEMANA DA ARQUITECTURA DE FERROL 2025
ARQUITECTURA RELIXIOSA
8 e 9 de outubro de 2025
Un ano máis, todos os arquitectos do mundo están chamados a celebrar o Día Mundial da Arquitectura e o Hábitat. Por mor desta celebración, a Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza a Semana da Arquitectura de Ferrol 2025 dedicada á Arquitectura Relixiosa, en colaboración co Concello de Ferrol, a Diocese Mondoñedo Ferrol e a Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña.
As actividades organizadas levaranse a cabo en dúas xornadas, a celebrar os días 8 e 9 de outubro:
Mércores, 8 de outubro
CONFERENCIA: “La arquitectura religiosa contemporánea en Europa: perspectivas críticas”
19.30 horas
Antigo Hospicio Municipal (Rúa Méndez Núñez, 11)
Na xornada do mércores, o doutor arquitecto Esteban Fernández-Cobián impartirá unha conferencia no Antigo Hospicio Municipal de Ferrol titulada “La arquitectura religiosa contemporánea en Europa: perspectivas críticas”.
No transcurso da conferencia abordará tres temas: a decadencia das relixións na Europa Occidental, na que falará do papel da relixión no espazo público, a desacralización, a reutilización e a derriba dos edificios destinados ao culto; a eclosión da relixiosidade na Europa Oriental, tanto nos países católicos como nos ortodoxos; e a relación entre a arquitectura relixiosa e os movementos de poboación, en todo aquilo que se refire á relixiosidade dos inmigrantes, aos espazos turísticos e aos santuarios de peregrinación masiva. Finalmente, realizará algunhas reflexións sobre o futuro da arquitectura relixiosa no Vello Continente.
O acceso á conferencia é libre e gratuíto. Ao rematar a visita compartiremos uns petiscos.
BIO
Esteban Fernández-Cobián (Vigo, 1969). Profesor Titular da ETSA da Coruña, impartiu docencia en diversas universidades de Italia, Chile e México. A súa tese doutoral “El espacio sagrado en la arquitectura española contemporánea” (2001) mereceu o Premio da Real Academia de Doutores (CSIC) e o Premio Extraordinario de Doutoramento da UDC (2003).
Escribiu numerosos artigos académicos e divulgativos sobre os edificios relixiosos construídos nos últimos cen anos, algúns dos cales se recolleron en dous pequenos volumes. Entre os seus monografías cóntanse “A Coruña. Guía de arquitectura” (1998), “Fray Coello de Portugal, dominico y arquitecto” (2001), “El espacio sagrado en la arquitectura española contemporánea” (2005), «Arquitectura religiosa del siglo XXI en España” (2021) e “Arquitectura religiosa contemporánea en Filipinas” (2024). En 2022 publicou a primeira tradución española do libro de Rudolf Schwarz «Construir una iglesia (Vom Bau der Kirche)”.
Forma parte do xurado do Premio Internazionale di Architettura Sacra que, cada catro anos, outorga a Fondazione Frate Sole (Pavía, Italia) á mellor igrexa construída do mundo. Desde 2007, organiza os Congresos Internacionales de Arquitectura Religiosa Contemporánea (CIARC), e edita a revista dixital AARC.
Xoves, 9 de outubro
ROTEIRO A PÉ CON VISITAS GUIADAS
17.00 horas a 20.00 horas
Na xornada do xoves, levarase a cabo un roteiro a pé con visitas guiadas, para coñecer en detalle tres santuarios ferroláns da man de tres arquitectos. O itinerario da visita será o seguinte:
17.00 horas
SAN PEDRO APÓSTOLO
Felipe Picos Brage
Arquitecto
18.00 horas
SAN FERNANDO E NOSA SEÑORA DO PILAR
Ramón Montero Cereijo
Arquitecto
19.00 horas
CONCATEDRAL DE SAN XIAO
José Antonio Alonso Rodríguez
Arquitecto
O acceso á visita guiada é libre e gratuíto.
