O 24 de febreiro na Delegación de Vigo do COAG, a Presidenta do CSCAE, Marta Vall-llossera Ferran, o Decano do COAG, Luciano G. Alfaya e o Presidente da (CEAV), Julio Molina Barthe, presentaron a Guía veciñal de rehabilitación.
A Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolleu o sábado 24 de febreiro a presentación da Guía vecinal de rehabilitación e o vídeo “Rehabilitar, paso a paso”, material didáctico que forma parte do proxecto RehabilitAcción Ciudadana, posto en marcha polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) e a Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales (CEAV) para impulsar unha cultura do mantemento de edificios, unha cultura da rehabilitación ata agora inexistente en España, creando espazos de diálogo entre entidades veciñais e profesionais.
No encontro participaron o decano do COAG, Luciano Alfaya; a presidenta do CSCAE, Marta Vall-Llossera; o presidente da CEAV, Julio Molina Barthe; e o xefe Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, José Manuel González González. Ademais, asistiron ao evento o presidente da Delegación de Vigo do COAG, Manuel Martínez Carazo, que clausurou o acto; o coordinador da Oficina de Apoio á Rehabilitación do COAG, Eduardo Alonso; a vicesecretaria da CEAV, María José Villamarín; e o presidente da Federación de Asociaciones de Barrio de Zaragoza (FABZ), Manuel Arnal Lizarraga.
Nun país como España, no que a taxa de rehabilitación do parque edificado sitúase moi por debaixo dos niveis necesarios para cumprir os obxectivos climáticos marcados pola Unión Europea para 2050, o material didáctico presentado hoxe ten o obxecto de facilitar o proceso de rehabilitación dos máis de 10 millóns de vivendas que necesitan afrontar esta transformación. Pero, ademais, non esquece outras transformacións irrenunciables, como a mellora da accesibilidade, a conservación e a funcionalidade. E todo elo dunha forma moi práctica e cunha linguaxe sinxela e amena que trata de achegar os conceptos clave da rehabilitación a cidadanía e dar resposta ás principais preocupacións detectadas polas entidades veciñais. A guía será utilizada polas entidades veciñais e as Oficinas de Apoio á Rehabilitación dos Colexios de Arquitectos para difundir a cultura da rehabilitación entre a poboación.
Luciano Alfaya explicou que nos atopamos nun escenario complexo, marcado polo avance do cambio climático, a crise provocada pola pandemia e unha recente crise enerxética que está disparando os prezos da electricidade, o gas e a subministración enerxética ata cifras históricas, desestabilizando a economía de forma preocupante. “Agora a edificación debe ser un sector clave, porque, ademais dos obxectivos de descarbonización europeos, a rehabilitación de vivendas axudará a orientar a recuperación económica e a aumentar o noso benestar. Os fondos Next Generation supoñen unha oportunidade histórica para alcanzar a transición ecolóxica e dixital, mellorar a saúde das nosas cidades, barrios, edificios e vivendas, así como a de todos nós” –subliñou–.
O decano engadiu que a rehabilitación enerxética de vivendas “non é un gasto, senón un investimento”, que se autofinancia combinando axudas con deducións fiscais e se rendabiliza polos aforros xerados e a revalorización conseguida. “En España temos o parque de vivendas máis avellentado e ineficiente de Europa, porque case o 30% das vivendas son anteriores a 1979, é dicir, non contan con illamento térmico, e máis dun 72% son anteriores ao 2006, antes do Código Técnico da Edificación, o que significa que son enerxeticamente ineficientes. A isto súmase que máis dun 75 % dos edificios residenciais non son accesibles e arredor dun 40 % non dispoñe de ascensor. Todo evidencia a necesidade de rehabilitación integral da gran maioría de edificios de vivendas” .
Alfaya indicou que a taxa de rehabilitación do parque residencial en España sitúase entre 8 e 10 veces por debaixo da media dos principais países europeos, e para mudar esta situación e cumprir os obxectivos marcados para 2050 apuntou que haberá que aumentar a velocidade de renovación das vivendas, “multiplicando por dez o ritmo actual”.
A presidenta do CSCAE, Marta Vall-Llossera, valorou esta alianza entre profesionais e asociacións veciñais: “Es la primera vez que se realiza un trabajo conjunto de este tipo y consideramos que cubre una carencia que había hasta el momento para poder activar una verdadera cultura de la rehabilitación en nuestro país, con una ciudadanía informada. Tanto la guía como el vídeo identifican las principales preocupaciones de la población y responden a las múltiples dudas que surgen antes, durante y después de un proceso de rehabilitación que es importante afrontar con una visión integral y con rigor desde el primer momento para optimizar recursos y que sus beneficios redunden en un bienestar duradero”.
Desde a CEAV, o seu presidente Julio Molina destacou o gran valor que ten o traballo realizado da man dos Colexios de Arquitectos de España porque “nos permite situarnos al lado de miles de familias que necesitan afrontar un proceso de rehabilitación de su vivienda o de su edificio y no saben dónde acudir o de qué ayudas disponen. Este acuerdo permitirá que se sientan acompañadas”. Molina tamén subliñou que “lo más frecuente es que las necesidades de transformar un piso o un edificio se den en las zonas más vulnerables, un hecho que justifica aún más la necesidad de acuerdos como el que hoy presentamos, que nos ayudan a situarnos de parte de quien más lo necesita”.
O presidente da CEAV non esqueceu o carácter reivindicativo que marca o día a día da entidade e aproveitou a ocasión para lembrar algúns problemas pendentes de resolver en materia de rehabilitación, como a axilización dos procesos burocráticos e do cobro das axudas ou a modificación da lei para que a totalidade das axudas á rehabilitación, tanto as que xestionan as comunidades autónomas como as dos concellos, non tributen.
Dúas ferramentas de gran utilidade
Tanto a Guía vecinal de rehabilitación como o vídeo “Rehabilitar, paso a paso” son dúas ferramentas de gran utilidade para coñecer os pasos que se poden dar para rehabilitar con todas as garantías. En concreto, a publicación, que está dirixida a dirixentes veciñais e a técnicos, aborda a importancia de rehabilitar cunha visión global, así como o mantemento posterior dos edificios, e detalla os principais beneficios, entre os que se atopan a mellora da saúde e da economía doméstica.
O material editado explica, ademais, dunha forma áxil, que elementos recolle a normativa respecto ás reformas dunha casa ou un edificio, como se pode acceder aos diferentes tipos de axuda que están ao alcance da cidadanía, os documentos necesarios para diagnosticar e planificar unha obra para aforrar recursos fronte a reformas parciais e desordenadas e as dez fases que técnicos e representantes veciñais identificaron como necesarias para enfrontar un proceso de rehabilitación con garantías: desde o detonante ata o primeiro contacto con profesionais, a busca de financiamento, a elaboración do proxecto, a entrega da obra e o mantemento posterior, entre outras.
O proxecto “RehabilitAcción Ciudadana”, entre a CEAV e o CSCAE, púxose en marcha o pasado mes de maio e ten prevista unha duración dun ano. Ademais do material divulgativo para impulsar a cultura da conservación e o mantemento dos edificios, organizáronse diferentes xornadas formativas por distintos puntos do territorio español, en Madrid Zaragoza, Barcelona, Valencia e, finalmente, hoxe en Vigo.
Podes descargar a Guía neste enlace: Guía vecinal de rehabilitación
Podes ver o vídeo neste enlace: Rehabilitar, paso a paso
Red de Oficinas de Apoyo a la Rehabilitación de los Colegios de Arquitectos aquí