O día 30 de abril, tivo lugar no Museo da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a inauguración da exposición “20 anos de Proxecto Terra”, que mostra os traballos sobre arquitectura, territorio e paisaxe realizados por 35 centros educativos galegos e o seu alumnado no Museo da Cidade da Cultura.
Este proxecto de cooperación co mundo educativo está promovido polo Colexio de Arquitectos de Galicia, co cofinanciamento da Xunta de Galicia e a APLU, e a colaboración doutros organismos.
- En maio e xuño, colexios e institutos visitarán a exposición e as cidades de Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Allariz
- Durante este curso, 32 centros participan na actividade “Eu son inspector@ urbanístic@” e 29 dentro das actividades do Plan Proxecta
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a Consellería de Medio Ambienta e Territorio e Vivenda e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia (APLU) da Xunta de Galicia inauguraron hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago a exposición conmemorativa “20 anos de Proxecto Terra”, un proxecto de cooperación co mundo da educación dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria co fin de contribuír a mellorar a formación que a poboación escolar de Galicia debe ter sobre as xentes, os espazos e os lugares que habitamos.
A exposición mostra o traballo realizado polo profesorado e alumnado de 35 centros educativos galegos durante estes 20 anos. Asistiron ao acto a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia; a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o director da APLU, Jacobo Hortas; ademais de membros da actual xunta de goberno do COAG e os últimos cinco exdecanos do colexio oficial: José Manuel Rey Pichel (1989-2003), Teresa Táboas (2003-2005), Celestino García Braña (2005-2011), Jorge Duarte (2011-2013), e Antonio Maroño (2013-2019).
Elena Ampudia ofreceu, en nome do Colexio de Arquitectos de Galicia, o seu máximo agradecemento e recoñecemento a todos os implicados no Proxecto Terra “polo seu compromiso co claro e fundamental obxectivo de que o alumnado teña un mellor coñecemento crítico e propositivo sobre os espazos que habitamos, que herdamos de quen nos precederon, e que temos a obriga de traspasar ás futuras xeracións, administrándoo con responsabilidade e co compromiso irrenunciable coa sostenibilidade do lugar que habitamos”.
Tras agradecer a implicación e o traballo desenvolvidos por todos os participantes desde a posta en marcha do Proxecto Terra, Ángeles Vázquez fixo unha mención especial aos arquitectos e profesores responsables de idear e impartir a formación necesaria para crear “conciencia” desde a infancia.
Neste sentido, subliñou o importante que é para unha rexión coa riqueza paisaxística e natural de Galicia apostar pola educación no respecto a estes valores con iniciativas que formen ás novas xeracións na necesidade de “protexer o noso”. “Coa colaboración do COAG, da man de reputados profesionais e dun profesorado implicado, levamos anos intentando cambiar Galicia para ben: acabar coa cultura do ti vai facendo pola de ímolo facer ben”, declarou a conselleira.
A mostra permanecerá aberta ao público ata o 27 de xuño
Actualmente, o equipo de traballo do Proxecto Terra, liderado por membros de Arquitectura Sen Fronteiras, enfronta o reto de celebrar estas dúas décadas recollendo o legado da alma e motor indiscutible do proxecto, o arquitecto e profesor Xosé Manuel Rosales. Coordinado por Alberto Fortes, o equipo asume a responsabilidade de coidar e proseguir co seu traballo. “A crise sanitaria actual puxo máis en evidencia a interdependencia entre as persoas, os territorios e o planeta. A concienciación e o esforzo colectivo por mellorar o escenario das futuras xeracións debe aumentar e consideramos esencial continuar aportando o noso graíño de area á consecución do dereito ao hábitat desde o ámbito educativo” –explicou Alberto Fortes–.
A exposición está formada por paneis de presentación coa información xeral e un mapa de madeira en gran formato (1,40 x 1,90 m) do noroeste peninsular con saídas e intercambios territoriais realizados polos centros. En total, conta con 40 paneis con traballos académicos de centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Superior de toda Galicia, divididos en catro seccións: hábitat, arquitectura e urbanismo, paisaxe e territorio e actividades complementarias. Ademais, consta de diferentes elementos elaborados polo alumnado; un xogo de mesa que acompaña a un proxecto sobre o hábitat do Miño; catro maquetas elaboradas polos escolares; un cartaz mosaico en gran formato (1,48 x 2,00 m) da portada do cómic de Miguel Anxo Prado “A mansión dos Pampín” feito polo alumnado do IES Terra de Trasancos de Narón; vinilos formados con detalles das ilustracións de Lucía Escrigas nas que se baseou a imaxe xeral desta mostra; e unha casiña de madeira ligada a unha actividade didáctica pensada para as visitas dos centros educativos con alumnado máis cativo. A mostra permanecerá aberta ao público na Cidade da Cultura ata o 27 de xuño.
Durante o curso 2020/2021 o Proxecto Terra, en colaboración coa APLU, ofertou aos centros educativos galegos a actividade lúdico-educativa “Eu son inspector@ urbanística” na que 32 centros de primaria e secundaria traballan sobre a complexidade do territorio, analizando os elementos que o compoñen ou a pegada ecolóxica para que a sociedade faga un uso sustentable e responsable do mesmo. Tamén participarán 29 centros nas actividades do Plan Proxecta.
Nos meses de maio e xuño, ofértanse tamén aos centros educativos saídas polas principais cidades e vilas galegas, nas que o alumnado e profesorado coñecerán as realidades máis próximas. As actividades desenvolveranse en Allariz, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela. A actividade en Santiago contará cunha visita á exposición dos “20 anos de Proxecto Terra”.
O traballo xa fora ben documentado e visibilizado nunha exposición itinerante para a conmemoración dos quince anos, celebrada nas diferentes cidades galegas no verán de 2016. Naquela ocasión, achegouse á cidadanía os contidos, recursos e posibilidades que o Proxecto Terra facilitaba e continúa a facilitar aos centros educativos.
Nestes vinte anos participaron nas actividades uns 55.000 escolares
Proxecto Terra nace no ano 2000 baixo a tutela do Colexio de Arquitectos de Galicia e co cofinanciamento da Xunta de Galicia e a APLU e a colaboración doutros organismos (Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático; Instituto de Estudos do Territorio, etc.). Asemade, nestes vinte anos colaboraron tamén a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, ONCE, Nova Escola Galega e Arquitectura Sen Fronteiras.
A iniciativa concéntrase na elaboración de recursos educativos sobre arquitectura, territorio, paisaxe, urbanismo e dereito ao hábitat específicos e contextualizados na realidade galega, para contribuír a que o conxunto da cidadanía teña un mellor coñecemento de como ao longo do tempo se foi construíndo o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído, a tradición herdada –da que se debe aprender– e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar, para así estar en mellores condicións de propoñer e desexar os espazos a habitar.
Ao longo destes 20 anos de colaboración, os recursos educativos elaborados están presentes no 100% dos centros educativos de Educación Secundaria, Educación Primaria e Educación Infantil de Galicia, tendo participado ata a actualidade uns 55.000 escolares nas actividades ofertadas desde o curso 2005-2006, e que na actualidade están integradas no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Desde o curso 2011-2012, ampliouse a oferta das actividades aos centros de Educación Primaria. En 2010, o proxecto recibiu o Premio Nacional de Urbanismo do Ministerio de Fomento, e en 2011 a Fundación Premios da Crítica de Galicia concedeulle o Premio de Iniciativas Culturais.