Na entidade, que reclama a reactivación dos procesos administrativos que faciliten a licitación de obra pública e a tramitación de expedientes e a concesión de licencias, participan os Colexios oficiais de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia (FEPROGA) e a Federación Galega da Construción (FGC).
Os Colexios oficiais de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia (FEPROGA) e a Federación Galega da Construción (FGC) veñen de constituir o Foro da Construción de Galicia, entidade que nace coa intención de unir esforzos e intercambiar ideas e demandas para a mellora da industria da construción, así como para ser instrumento de consulta das Administracións en todo o relacionado coas peculiaridades do sector constructivo.
Asinaron a constitución do Foro os presidentes das entidades participantes, é dicir: Elena Ampudia Aixendri, en representación dos arquitectos; Enrique Urcola Fernández-Miranda, polos enxeñeiros de camiños; Ignacio de Juan Frigola, polos arquitectos técnicos; Ángel Jove Alborés, polos promotores, e Diego Vázquez Reino, como representante dos construtores galegos.
O Foro da Construción de Galicia nace nun momento excepcional, como o que estamos a vivir como consecuencia da crise ocasionada polo covid-19, aínda que ten vocación de permanencia, xa que se trata dunha entidade que, como queda dito, ten intención de convertirse nun instrumento de consulta para todo aquelo que ten que ver coa industria da construción e as súas especificacións.
Nun intre como o actual en que resulta crucial a vontade política e a implicación do alto funcionariado para reactivar os procedementos administrativos que faciliten tanto a licitación de obra pública como a tramitación de expedientes e a concesión de licencias, o Foro remitiu unha carta á totalidade dos concellos de Galicia na que expresa o seu desexo de que os mesmos se impliquen na reactivación dos devanditos procesos para, deste xeito, promover a recuperación dos sectores produtivos máis dependentes do investimento público.
O Foro agradece aos organismos oficiais que ata a data de hoxe veñen de reactivar os procedementos antes citados, entre os que se atopan a Xunta de Galicia, as Deputacións da Coruña e de Ourense, a Universidade da Coruña, a Autoridade Portuaria de Vigo e distintos concellos das catro provincias galegas.