Encontro con Antonio Turiel

26 maio 2025

O xoves 29 de maio, ás 11:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar un Coloquio con Antonio Turiel, un dos expertos imprescindibles para comprender os retos aos que se enfronta hoxe a cidade da Coruña e o papel da arquitectura e o urbanismo na súa resolución. Este coloquio, que leva por título: «O reto da descarbonización da arquitectura e o futuro da cidade», está enmarcado na visita a Galicia do científico do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), organizada pola ONG: Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo, que estará representada por Begoña de Bernardo.

O obxectivo desta Xornada é comprender o escenario real no que se atopa a cidade da Coruña e as respostas que poden darse fronte ás distintas crises, social, climática, enerxética e de recursos, entre outras; así como tamén o cambio de paradigma necesario para mudar as formas de producir cidade e garantir a saúde urbana, a xustiza espacial e unha “vida digna de carácter universal para a cidadanía”.

A necesaria preparación da cidade fronte aos eventos climáticos extremos, moi especialmente fronte as grandes inundacións. A protección das infraestruturas produtivas locais esenciais, como o Porto da cidade; a indispensable relocalización da economía; a fraxilidade das cadeas de subministros –entre elas a alimentaria–; a descarbonización da cidade e da arquitectura; a desfosilización do urbanismo; a atención ao tecido residencial; a eficiencia enerxética e renovación do parque edificado; o impacto da financiarización da economía na crise ambiental e do territorio; xunto á definición dun modelo de cidade verdadeiramente sostible, serán algúns dos temas que se abordarán no coloquio, que estará precedido polas intervencións de Antonio Turiel e Begoña de Bernardo.

Esta xornada está pensada para permitir que tanto arquitectos/as, como actores institucionais e a cidadanía poidan debater, contrastar e apoiar os procesos de toma de decisións, contando co asesoramento experto de científicos de primeiro nivel.

Antonio Turiel

(León, 1970) é un dos grandes divulgadores e referentes científicos sobre o cambio climático e as súas consecuencias. Licenciado en Física e Matemáticas e doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid, traballa como Investigador Científico no Instituto de Ciencias do Mar do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en Barcelona. É autor de El futuro de Europa (2025), Sin energía (2022)​ e Petrocalipsis (2020), libros nos que ten manifestado sen concesións o perigo no que se atopa o mundo.

Turiel é un experto nos diferentes tipos de enerxía e o seu papel no sistema económico e político actual e ten investigado sobre as consecuencias que terá a diminución da dispoñibilidade de combustibles fósiles. O seu blog de divulgación, “The oil crash” https://crashoil.blogspot.com/,  analiza “as noticias relacionadas coa chegada ao cénit da produción mundial de petróleo que pon á economía contra as cordas e as medidas que poden tomarse para remediar a carestía que ven”.

 

DATA

Xoves 29 de maio de 2025 – 11:00 horas

 

LUGAR

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

 

ORGANIZAN

Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo

 

COLABORA

Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir