O mércores 5 de xuño, ás 19:30 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Gaming Architectural History: Por unha resignificación do paradigma a través do videoxogo que será impartida polo arquitecto Manuel “Saga” Sánchez García, investigador no Departamento de Composición Arquitectónica da ETSAM, Universidade Politécnica de Madrid.
Síntese
A intersección entre as disciplinas da arquitectura e o videoxogo é hoxe un espazo fértil ben coñecido, cultivado e colleitado. Tempada a tempada, os seus froitos alimentan as paisaxes dixitais que xogadores e xogadoras ao longo do mundo desfrutan no seu tempo de ocio. Tanto estes espazos, como as comunidades que os habitan, teñen en común o gusto por unha certa heteroxeneidade ecléctica, favorecendo linguaxes e composicións que deveñen en narradores activos.
Estas arquitecturas videolúdicas percíbense, a miúdo, como territorios revolucionarios aparentemente illados, desarraigados de estratos culturais máis tradicionais ou, no mellor dos casos, conectados a eles de maneira apenas superficial. Non obstante, disciplinas como a dos Estudos do Videoxogo (Game Studies), acuñada hai máis de dúas décadas, teñen posto en evidencia a riqueza intelectual deste campo. A esta disciplina se teñen sumado investigadores de todo tipo, aportando conceptos e metodoloxías xurdidas das enxeñerías informáticas, as artes, a antropoloxía social, os estudos de xénero ou a ciencia política, entre outras moitas ramas do coñecemento.
A arquitectura está un paso por detrás neste sentido. Aínda que na última década teñen aparecido toda unha xeración de investigadores que puxeron de manifesto o impacto da arquitectura no videoxogo e o interese do seu estudo, os seus traballos non teñen feito máis que sinalar o camiño que queda por percorrer. Nesta conferencia explorarase o marco específico da historia da arquitectura en relación co videoxogo e os seus espazos dixitais dende unha dobre vertente discursiva. Por unha banda, da historia e a composición arquitectónica aplicadas ao videoxogo, é dicir, a do seu estudo a través de ferramentas propias da nosa disciplina. Por outra banda, a do recoñecemento de que a propia disciplina arquitectónica ten sido e continua sendo transformada polas industrias dixitais, incluíndo a do videoxogo. A de asumir que arquitectos e arquitectas temos formado sempre parte desa mesma comunidade heteroxénea que se alimenta do froito videoxogable que aquí desexamos estudar. Será que a realidade nos ten tomado, como sempre, a dianteira, e a arquitectura videolúdica está xa integrada na nosa disciplina, sexa isto, ou non, do noso gusto?
¿Será que o límite disciplinar entre ambos campos é tan só un anaco de papel mollado?
©Ana García Linares, 2019
Manuel “Saga” Sánchez García
Manuel Sánchez García, Manuel Saga en redes, é doutor arquitecto e investigador posdoutoral Juan de la Cierva no Departamento de Composición Arquitectónica ETSAM-UPM. É tamén Editor Asociado de Architectural Histories, revista de acceso aberto líder no campo da historia da arquitectura, adscrita á European Architectural History Network (EAHN).
A súa área de especialización é a historia e a teoría da arquitectura, a cidade e a paisaxe, desenvolvida a través de dúas liñas de investigación paralelas, unha centrada no urbanismo colonial iberoamericano, outra no estudio da paisaxe dixital videolúdica. A súa traxectoria ten sido destacada pola Society of Architectural Historians (SAH), na que colabora como membro fundador do Contingent Faculty Committee.
Tras graduarse como arquitecto na Universidade de Granada, Manuel desenvolveu estudos de posgrao na Universidade dos Andes de Bogotá. Posteriormente completou un dobre doutoramento en historia da arquitectura e historia da arte no Politécnico di Torino e a Universidade de Granada, grazas a un contrato predoutoral do Ministerio de Educación italiano, obtendo sendos títulos de doutor con cualificación cum laude e mención internacional. Foi gañador da Dumbarton Oaks Fellowship for Garden and Landscape Studies de Harvard University, a SAH Scott Opler Grant for Emergent Scholars e a GAHTC Targeted Acquisition Grant, entre outros recoñecementos. Ten sido crítico e relator invitado en MIT, Yale University e University of Maryland College Park, entre outros centros e institucións académicas en Estados Unidos, México, Chile, Colombia, Dinamarca, Italia e España.
Autor do volume monográfico Granada Des-Granada (Ed. Uniandes 2018) e coeditor de Mensajes de modernidad na revista Proa (Ed. Uniandes 2020), ambos recoñecidos pola Bienal Colombiana de Arquitectura e Urbanismo nas súas edicións 2020 e 2022 respectivamente. A súa investigación ten sido publicada en revistas académicas de prestixio como EGA Expresión Gráfica Arquitectónica, Studia Histórica: Historia Moderna, Culture&History, y Dearq. Asemade, ten participado en volumes publicados ou de próximo lanzamento por editoriais de prestixio internacional como Routledge, De Gruyter, University of Amsterdam Press, Editorial Universidad de Granada e Abada, entre outras. Mediante o pseudónimo Manuel Saga desempeña actividades de comunicación en redes sociais e medios tanto dixitais como impresos, destacando a súa colaboración con National Geographic Historia, Diario ABC, FQ de Fundación Arquia, Archdaily, entre outros.
DATA:
Mércores 05 de xuño de 2024– 19:30 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago