Reforma da Lei da Seguridade Social relativa ás mutualidades alternativas.

27 Xul 2026

O COAG valora positivamente a Lei de reforma das mutualidades aprobada no Congreso de xeito definitivo. Máis de dous anos de loita e un ano de presión para a súa tramitación parlamentaria despois, o Congreso aprobou a reforma da Lei xeral da Seguridade Social relativa ás mutualidades alternativas, despois de validar as
emendas do Senado. A Lei recolle moitas das solicitudes realizadas por colexios e asociacións de arquitectos, aínda que, lamentablemente, exclue os pasivos (persoas xubiladas). Seguiremos traballando para mellorar tamén esa situación.

O obxecto desta norma é acabar coa situación inxusta e discriminatoria dos mutualistas, como recoñeceron a maioría dos partidos políticos, e dar unha solución aos miles de profesionais da Arquitectura e doutras disciplinas, como a Avogacía. Para a maioría deles, a nova Lei propón unha pasarela ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), destinada a transferir os anos de traballo cotizados na mutualidade.

Neste proceso, o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España defendeu en todo momento a protección dos dereitos de todos e todas as profesionais cunha pasarela universal, voluntaria e xusta que evite situacións discriminatorias. Este era o núcleo da Declaración Institucional aprobada na Asemblea Xeral Ordinaria do 29 de novembro de 2024 e impulsada desde o COAG.

Unha vez aprobado, o texto fixa que o Goberno terá que desenvolver en tres meses desde a entrada en vigor da lei o regulamento que concretará os termos e condicións da transferencia de dereitos económicos acumulados e a súa fórmula de conversión en períodos cotizados ao RETA.

Quen se pode beneficiar da pasarela ao RETA:

Arquitectos/as en activo: Profesionais que sigan exercendo e aportando ao Sistema de Previsión Privado (SPP) de HNA como alternativa ao RETA. É requisito indispensable non percibir ningunha pensión pública, nin da propia mutua (quedan exceptuadas unicamente as pensións de viuvedade).

● Cotizantes con máis de 15 anos: Inclúense tamén os profesionais en activo que sumen máis de 15 anos de cotizacións ao sistema público, o que lles garante cumprir o período mínimo de carencia esixido pola Seguridade Social para optar a unha pensión contributiva pública.

Maiores de 52 anos ou mutualistas pre-1995: Quen teña 52 anos ou máis á data do 31 de decembro de 2026, ou quen iniciase a súa actividade antes do 10 de novembro de 1995, disporán de condicións especiais que facilitarán que cada mes en HNA se compute como un mes completo de alta no RETA para a porcentaxe aplicable á base reguladora da súa xubilación.

En calquera caso, en liña co CSCAE, advertimos da importancia de que cada colexiado/a realice unha análise pormenorizada da situación na que quedaría se decide pasar ao RETA.

Compartir