Conferencia de LCG Arquitectura: Ancora imparo

18 Feb 2026

O mércores 25 de febreiro, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Ancora imparo que será impartida polos arquitectos Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, arquitectos e socios do estudio LCG Arquitectura.

Síntese
Coa beleza deste título, Ancora imparo, ‘aínda estou a aprender’, que ven a lembrarnos unha das cualidades principais do ser humano, que é a de estar sempre aprendendo, os arquitectos Jorge García Anta e Fernando Eiroa reflexionan sobre o sentido da súa práctica profesional con estas palabras:

«Pretendemos entender a nosa profesión coma unha invitación a manter unha mentalidade aberta e reivindicar os procesos de pensamento en concordancia coa realidade material.

O desenvolvemento do traballo diario é unha continua aprendizaxe, sempre inconclusa. A mellora do xa feito serve de motivación. A principal intención será explorar a capacidade que teñen os proxectos para poñer en valor os lugares de actuación e viceversa. Atráenos a visión do artista como artesán, como a persoa que exerce un oficio. O optimismo será unha ferramenta a empregar, co fin de atopar vías alternativas de traballo. A autocrítica permite ter diferentes perspectivas das situacións e orienta as decisións cara adiante.

Temos o convencemento de entender a arquitectura que pensamos como espazos contedores de actividade. As nosas intervencións, en último termo, son o fondo no que se desenvolve a vida. Por iso achegámonos, cada vez máis, cara ás respostas flexibles. Plantexar unha arquitectura como a procura de espazos a escala coa súa contorna, as súas necesidades e os seus recursos. Estudamos os proxectos desde a súa vinculación co territorio, en diálogo cos promotores e en equilibrio cos orzamentos dispoñibles. Aspiramos a construír con rigor, criterio e oficio».

LCG Arquitectura
LCG Arquitectura é un estudio coruñés liderado por Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, ambos arquitectos pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

Con obra pública e privada en diferentes categorías, fundamentalmente residencial e dotacional, este estudio caracterízase por un exercicio profesional artesanal e por unha preocupación atenta ás necesidades dos seus clientes e ao lugar onde se sitúan as súas intervencións, buscando entender os modos de vida e o seu devir, así como facilitar os distintos usos con propostas orientadas á busca da maior flexibilidade posible.

Con máis de trinta premios e distincións no seu currículum e obra premiada en toda Galicia, os arquitectos de LCG Arquitectura veñen de gañar o primeiro premio no Concurso do edificio para as Entidades sociais de Carballo e a súa comarca, xunto ás súas colaboradoras Laura Pena Cristóbal e María Millán Pérez*.

Máis información en:
https://www.lcgarquitectura.com/
*https://portal.coag.es/concursos/fallo-do-concurso-de-proxecto-do-edificio-das-entidades-sociais-do-concello-de-carballo-e-a-sua-comarca/

DATA
Mércores 25 de febreiro de 2026– 19:00 horas

LUGAR
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORA
Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir