Conferencia “Laxedo – Bugallo & Villaverde”

29 Abr 2026

O vindeiro xoves 14 de maio, ás 19:00 horas, terá lugar na sala da Delegación de Vigo do COAG a conferencia “Laxedo – Bugallo & Villaverde”, a cargo de Manuel Angel Bugallo Otero e Cristina Villaverde Ruibal.

O núcleo rural de Laxedo, situado aos pés da serra do Cando, non é simplemente un espazo xeográfico coas características morfolóxicas e funcionais propias do rural pontevedrés. Trátase dun enclave con trazos arquitectónicos, urbanísticos e paisaxísticos moi singulares, que lle confiren un carácter único dentro do territorio galego.

Esta conferencia presenta unha síntese do estudo desenvolvido e recolleito no libro Arquitectura e símbolos de Laxedo. Unha aldea planificada na Galicia Rural, onde se analiza en profundidade a configuración deste asentamento e as claves que explican a súa excepcionalidade.

Falar de Laxedo é tamén falar da figura de Manuel Barreiro Cabanelas, un dos veciños máis ilustres non só do municipio da Lama, senón de toda a provincia de Pontevedra. A comezos do século XX, promoveu unha serie de intervencións que transformaron profundamente a configuración espacial, estética e funcional da aldea.

Durante a sesión abordarase unha síntese do traballo de investigación, desvelando a pegada que Barreiro Cabanelas foi deixando na súa Laxedo natal a partir das vivencias e coñecementos adquiridos no seu segundo fogar, a cidade do Río de Janeiro. A súa preocupación polo desenvolvemento da aldea e o benestar dos seus habitantes queda reflectida nun patrimonio material que aínda hoxe perdura.

O equilibrio entre as dinámicas rurais tradicionais, a emigración, a arquitectura vernácula, a influencia urbanística e o simbolismo —incluído o masónico presente na escultura e na traza urbana— constitúe o eixo interpretativo deste estudo e dá sentido á singular paisaxe cultural de Laxedo.

3. Relatores:
Manuel Angel Bugallo Otero (Arquitecto & Paisaxista en BUO ESTUDO)
Cristina Villaverde Ruibal (Historiadora da arte)

Traballan de forma conxunta desde hai 10 anos en diversos estudos sobre patrimonio cultural material e inmaterial nas diversas parroquias do Concello da Lama así como na serra do Suído.

Ao rematar a conferencia, compartiremos un pincho.

A entrada é libre, sendo precisa a inscrición a través do seguinte ENLACE.

Compartir