A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza a presentación da publicación dun monográfico na revista DA (Documentos de Arquitectura), dedicado ao estudo de arquitectura compostelán Abalo Alonso. A presentación terá lugar o vindeiro martes, 27 de maio, no espazo do baixo cuberta da Delegación.
DA é unha revista española especializada en arquitectura, editada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Almería. A revista aborda temas relacionados coa construción, a tecnoloxía ambiental e a arquitectura en xeral. Ademais, a DA dedicou monográficos a diversos estudos de arquitectura contemporánea.
PONENTES
Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso son arquitectos titulados pola ETS de Arquitectura da Universidade de Navarra, con estudo profesional en Santiago de Compostela desde 1997.
Ambos foron profesores en Cesuga University College of Dublin e nas escolas de arquitectura da Coruña e Navarra. Elizabeth Abalo é, na actualidade, titora do traballo fin de master da Universidade de Navarra na súa sede de Madrid. Gonzalo Alonso foi tamén profesor convidado na Universidade de Virginia e Pietro Belluschi Distinguished Professor na Universidade de Oregon, nos Estados Unidos.
Obtiveron numerosos primeiros premios en concursos relacionados co urbanismo, espazo público, edificios dotacionais ou vivenda. Entre eles, no ámbito universitario, as rehabilitacións das sedes históricas das Facultades de Xeografía e Historia e a de Medicina da USC en Santiago de Compostela, inmobles ambos cunha alta protección patrimonial; a reforma e ampliación da Facultade de Formación do Profesorado en Lugo ou a Sede I+D+i e o Edificio Faraday, de laboratorios, para a Universidade de Vigo. Gañaron, así mesmo, concursos para a realización de centros de saúde, educativos e vivenda pública en diferentes localidades galegas; accesibilidade no centro histórico de Ribadeo ou o centro cultural Romaño e o Viveiro de Empresas para a Cámara de Comercio, en Santiago de Compostela.
A súa obra foi recoñecida con máis de cen galardóns nacionais e internacionais, entre os cales destacan o V Premio Egurtek á mellor obra en madeira de Europa pola Escola Infantil A Baiuca, o Premio da III Bienal de Arquitectura de Bakú polo centro cultural do Romaño en 2017, o A Prize da Triennale di Milano polo centro de saúde de Monterroso en 2015, Premio Internazionale Ischia di Architettura, en 2014 en Italia, pola rehabilitación do Hotel Moure ou o Premio Internacional Rigenerazione Urbana e Sostenibilitá pola intervención Ribadeo accesible, en Bologna, Italia, en 2013. Foron Highly Commended nos AR+D Awards en Londres e nominados aos German Design Award 2015 en Frankfurt, Alemania.
As Hortas de Caramoniña foron recoñecidas co Premio da XIII Bienal de Arquitectura Española en 2016. O edificio de vivendas para mozas e maiores nas Pontes obtivo o Premio AVS ao mellor edificio socio comunitario de España en 2013. A Fundación Rubido Romero, o Premio Veteco, de carpintería exterior en rehabilitación, en 2013, así como o Premio Nan e o premio COAG en 2012. A sede universitaria do Berbés foi galardoada co Premio Aplus ao Mellor Edificio Educativo de España en 2021, a escola infantil no campus de Ourense en 2013 e o centro de saúde de Oleiros, Mellor Edificio Sanitario en 2011. A rehabilitación dunha vivenda na rúa San Pedro de Santiago de Compostela foi recoñecida co Premio Rodríguez Peña de rehabilitación en Galicia en 2007.
O Ministerio de Cultura outorga ao Concello de Santiago, en 2009, o Premio Nacional Cidades Patrimonio, por unha serie conxunta de obras entre as que se atopa a Praza de San Clemente, levada a cabo polo estudo.
Expuxeron e presentaron o seu traballo en España, Gran Bretaña, Italia, Alemania, Estados Unidos ou Xapón; así como publicado a súa obra en diversos medios profesionais tanto nacionais como internacionais. Foron, así mesmo, xurado en premios ou concursos de arquitectura, nacionais e internacionais, e colaborado na organización de diversas actividades culturais relacionadas coa súa profesión.
INSCRICIÓN
Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización.
ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN
DATA:
Martes 27 de maIo de 2025
HORARIO:
19:30 a 21:00 horas
LUGAR:
Colexio de Arquitectos de Galicia, sala do baixo cuberta.
Praza da Quintana, 1. Santiago de Compostela