Presentación do ciclo de concertos “Onde a música habita”

23 Mar 2022

O Concello de Santiago de Compostela e a Delegación do Colexio de Arquitectos poñen en marcha “Onde a Música Habita”, un ciclo de catro concertos en emprazamentos arquitectonicamente relevantes da cidade. Comezará este sábado 26 coa actuación de Guadi Galego no Colexio Raíña Fabiola ás 12 horas, onde o actor Quico Cadaval contará a historia deste edificio, obra do italiano Giorgio Grassi.

O Concello de Santiago organiza, en colaboración coa Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG Santiago), o ciclo de concertos “Onde a Música Habita”, catro concertos vinculados a catro emprazamentos arquitectonicamente relevantes da cidade. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o presidente do COAG Santiago, Ángel Cid.

Segundo manifestaron, o obxecto do ciclo de concertos é poñer en valor a arquitectura notable da cidade como marco destas accións culturais. Trátase dun ciclo de concertos itinerantes que nace para achegar a música a espazos arquitectónicos referentes na cidade, espazos dos cales moitos cidadáns descoñecen a súa relevancia arquitectónica a pesar de ser edificios coñecidos e utilizados.

Cada concerto será introducido polo actor Quico Cadaval, que contará aos asistentes a historia de cada localización. Tamén sinalaron, que en cada concerto a música porase ao servizo da arquitectura, adaptando cada proposta musical ás características do espazo.

O ciclo celebrarase os días 26 de marzo, co concerto de Guadi Galego no Colexio Raíña Fabiola; o 18 de xuño, co concerto de Laura Lamontagne & Picoamperio no Xardín das Pedras na Biblioteca de Fonseca; o 17 de setembro co concerto de Abraham Cupeiro no Museo de Historia Natural no Parque de Vista Alegre; e o 3 de decembro co concerto de Xan Campos Trío na Praza de Aurelio Aguirre en Conxo.

A dozura de Guadi Galego en contraste coa solidez do edificio do Colexio Raíña Fabiola

A iniciativa comezará este sábado, 26 de marzo, co concerto de Guadi Galego ás 12 horas no Colexio Raíña Fabiola, obra do arquitecto italiano Giorgio Grassi. Previo ao concerto, Quico Cadaval dará as claves desta construción.

 

 

Compartir