Conferencia Cristina García Fontán – Ciclo Próximos 2024

12 xuñ 2024

Desde a delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos anunciamos a segunda das conferencias do ciclo Próximos 2024, que terá lugar o mércores 19 de xuño. Este ciclo pretende dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos á nosa delegación, ben polo emprazamento das obras, estudos ou ben polo contexto que os envolve.

Este segundo relatorio terá como protagonista a Cristina García Fontán que compartirá unha breve reflexión sobre a paisaxe galega e a exposición Paisaxes incultas, a metamorfose do monte galego.

Cristina fará un percorrido dende as distintas escalas do territorio que se necesitan para entender a identidade dun lugar a través da explicación do proxecto de recuperación dos Baños de San Xusto en Cotobade. Neste proxecto trabállanse diferentes escalas da planificación e xestión da paisaxe e se culmina nun proxecto de paisaxe e arquitectura que recupera un lugar con un importante valor patrimonial e natural. Un lugar tamén depositario da memoria, da historia…

PONENTE

Cristina García Fontán é doutora arquitecta e Master en Advanced Architecture polo Berlage Institute de Rotterdam.

Profesora Contratada Doutora na Universidade da Coruña imparte docencia no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura no Grao en Arquitectura e no Grao en Paisaxe.

Coordina o grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC que desenvolve proxectos de investigación sobre a hábitat, sustentabilidade e cooperación.

Impartiu docencia na Arquitectural Association de Londres, programas de Posgrao da Escola de Arquitectura de Costa Rica, Universidade Nacional Autónoma de México, Universidade de Curitiba e A Universidade de Lovaina, entre outras.

Dirixe proxectos de cooperación internacional e participa como investigadora en diversos proxectos de investigación sobre paisaxe, ordenación territorial, planificación estratéxica e hábitat sustentable.

Desenvolve o exercicio libre da profesión desde o ano 2002 redactando e executando proxectos de paisaxe, rehabilitación e edificación.

INSCRICIÓN

Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización.

A inscrición dá dereito á reserva de praza ata 10 minutos antes da hora de comezo. A partir dese momento ponse ao dispor dos interesados en asistir que se achegaron ao lugar de celebración.

ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN

 

DATA:

Mércores 19 de xuño de 2024 

HORARIO:

19:30 a 21:00 horas

LUGAR:

Salón de actos do Museo do Pobo Galego.

Costa de San Domingos s/n. Santiago de Compostela

PATROCINADORES:

Agradecemos o apoio e compromiso mostrado por cada unha das empresas que colaboran con este proxecto:

Compartir