Ciclo de Conferencias “La Casa Invisible”

24 Xan 2024

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos ten o pracer de anunciar unha nova edición do ciclo de conferencias sobre Arquitectura e Saúde: “A CASA INVISIBLE”. Continuamos coa terceira edición do ciclo de charlas A Casa Invisible e, como en anos anteriores, contamos con dous relatores que falarán sobre aspectos non fotografiables que interveñen de forma decisiva na nosa experiencia arquitectónica.

Nesta ocasión, as conferencias do ciclo distribúense en dúas xornadas (31de xaneiro e o 7 de febreiro), e celebraranse no salón de actos da Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela, no horario de 19:30 a 21:00.

Na primeira xornada, o 31 de xaneiro, Javier Neila, catedrático emérito da Universidade Politécnica de Madrid, experto en arquitectura bioclimática, dunha forma xeneralista, fará un varrido sobre os aspectos que afectan directamente á nosa saúde en espazos interiores. A interacción entre espazo e benestar humano é algo consustancial á idea de refuxio. As nosas vivendas son ferramentas para a nosa protección, pero ás veces poden volverse na nosa contra se non temos en conta algúns aspectos ocultos á vista. Todos nos volvemos máis sensibles cara a estes aspectos despois da experiencia do confinamento de 2020, e cada vez son máis os arquitectos que tentan ter en conta estes temas nos seus proxectos.

Na segunda xornada, o 7 de febreiro, Felipe Criado, director do Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, en Santiago de Compostela), explicaranos en que consiste o proxecto XSCAPE do CSIC. Un proxecto que fala sobre como a paisaxe natural e artificial dá forma á nosa mente e visión do mundo. Nós creamos arquitectura, pero a arquitectura tamén nos afecta e créanos en certo xeito.

Ambas as charlas, complementarias, conforman esta edición do ciclo, co obxectivo de achegar dúas visións máis xerais que nos axuden a integrar toda a información que recibimos nos dous ciclos anteriores.

Proximamente informarase en detalle de cada sesión e abrirase a inscrición ás mesmas que, sendo de acceso libre, requírese para unha correcta organización.

 

 

Compartir