Encontro: Intervencións patrimoniais no Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos): pasado, presente e futuro

21 xuñ 2024

Este encontro terá lugar o vindeiro 25 de xuño terá lugar no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que comezou en novembro de 2015. Teñen como obxectivo xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural, en xeral, e que moitas veces non chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os protagonistas dos encontros son a sociedade, o elemento patrimonial, o debate e a reflexión. Ata o de agora centráronse en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte, ou mesmo en enfoques interdisciplinarios, así como na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e incluso no conflito patrimonial. Tamén se centraron en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos, alén dos encontros e desencontros das políticas patrimoniais.

No ano 2022, co gallo do Día do Patrimonio Mundial, levamos a cabo en Monforte de Lemos (18-19 de novembro) unhas xornadas tituladas «O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos, Lugo). Un exemplo de Educación Patrimonial». Estas xornadas centráronse na proposta de declaración do Colexio de Nosa Señora da Antiga como ben de interese cultural (BIC) e no proxecto de Educación Patrimonial ligado a esta proposta a partir do Estudo do Valor Social do colexio, un caso pioneiro en Galicia mais tamén en España. Outro aspecto importante, que apenas se tratou naquel momento, foi a necesidade de recuperar patrimonialmente o colexio no proceso de elaboración da proposta para ser declarado BIC. O que supuxo tanto a recuperación de parte da súa arquitectura e dos seus bens mobles como tamén o proceso cognitivo aparellado que implicou, como sucede en calquera acto de restauración, o coñecemento do ben.

O #46 EMPC centrarase nas obras de rehabilitación desenvolvidas no edificio e analizará algunhas das máis importantes levadas a cabo, a súa problemática e o que supoñen na súa mellora, pois o Colexio é un espazo vivo cunha función concreta docente —máis aló da súa importancia cultural e patrimonial—e, polo tanto, debe manter unhas condicións axeitadas a fin de que esa función para a que o espazo foi deseñado —e que aínda permanece— poida desenvolverse axeitadamente. En relación con isto, trataranse tamén cuestións como a iluminación, que entroncaría co tema do mecenado na conservación do patrimonio cultural. Con todo, o obxectivo é ir máis aló e centrar a reflexión na importancia da conservación preventiva, do mantemento destes conxuntos monumentais, da política de investimento público no patrimonio, da necesidade da colaboración entre entidades ou da tutela do patrimonio.

ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal

Compartir