Celestino García Braña premiado pola Unión Profesional de Galicia

23 xuñ 2026

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra o galardón concedido ao arquitecto e colexiado Celestino García Braña nos ‘Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2026’ da Unión Profesional de Galicia (UPDG). Estas distincións foron entregadas o pasado sábado nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago ao que asistiron o decano do COAG, Luciano Alfaya; a secretaria da entidade, María Pierres; e o presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio, Anselmo Villanueva.

A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia, que propuxo esta candidatura, agradece a Celestino García Braña, colexiado en Pontevedra (número 117) desde 1972, a súa dedicación á profesión, tanto na práctica profesional como no seu labor colexial. “É unha das figuras máis influentes e respectadas do panorama da arquitectura, o urbanismo e a conservación do patrimonio cultural en Galicia e no conxunto do Estado, destacando tanto pola súa obra como polo seu liderado institucional”, apuntan desde o COAG.

Celestino García Braña (Mieres, Asturias. 1945) é Arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM), e docente e investigador na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Aínda que asturiano de nacemento, reside en Pontevedra, desenvolvendo a totalidade da súa prestixiosa traxectoria profesional, docente e institucional en Galicia.

Foi presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia desde 1984 a 1986 e decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) desde 2005 a 2011, período no que impulsou a modernización da institución e a defensa da calidade arquitectónica no territorio. Recibiu a Medalla de Ouro do COAG en recoñecemento ao seu labor. Ademais foi vicepresidente do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), institución na que exerceu a máxima representación da arquitectura galega a nivel estatal.

Tamén foi profesor de Historia da Arte e da Arquitectura no departamento de Composición Arquitectónica da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, onde formou a varias xeracións de profesionais. En 2005 foi nomeado membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes da que actualmente é vicepresidente e unha das voces máis autorizadas na protección da paisaxe e a arte galegas. Desde 1993 forma parte do comité de rexistros da Fundación DOCOMOMO Ibérico, dedicada ao estudo e conservación da Arquitectura do Movemento Moderno, da que foi presidente.

O COAG sinala que García Braña destaca pola súa visión integral da arquitectura, onde o proxecto contemporáneo se entende como un diálogo continuo coa historia, a cultura e o territorio. Desde a entidade, aseguran que a súa figura combina o rigor técnico do construtor, o liderado institucional desde o COAG e a Real Academia de Belas Artes, e un profundo humanismo que o converte “nun referente imprescindible para entender o urbanismo e a protección do patrimonio en Galicia”.

Compartir