Carta aberta ás colexiadas e colexiados non inscritos na AGAU

6 Nov 2024

Estimadas compañeiras e compañeiros: 

En nome da nova Xunta Directiva da Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia (AGAU), queremos transmitirvos a nosa ilusión e motivación neste novo camiño que comeza.

Como sabedes, a AGAU nace co obxectivo principal de promover un urbanismo de calidade en Galicia, defendendo os intereses das arquitectas e arquitectos urbanistas e fomentando a nosa participación activa na planificación e xestión das cidades e do territorio.

Tras a aprobación en Xunta de Goberno do pasado mes de xullo, a Agrupación de Arquitecturas e Arquitectos Urbanistas de Galicia (AGAU) está a traballar na súa posta en marcha e próximamente convocarase a primeira Xunta Xeral.

Escribímosvos para convidarvos a consultar as bases da AGAU na WEB do COAG  e a animarvos a agruparvos para participar e estar ao día das actividades que propoñemos e que sairán da próxima xunta xeral que convocaremos neste mes de novembro. As vosas achegas son fundamentais para que a AGAU sexa un proxecto común produto das necesidades e inquedanzas de todas e todos os agrupados. Aínda que non formes parte da AGAU, as vosas ideas e suxestións son valiosas para nós. Sumádevos ás actividades que propoñemos e que se definirán na próxima xunta xeral que convocaremos neste mes de novembro.

Vos animamos a participar na definición das actividades que, como agrupación, podemos levar a cabo. Para iso, e co fin de preparar esa primeira Xunta Xeral, propoñemos traballar en dúas liñas fundamentais:

  • Marco Legal e urbanismo comparado: Analizar a lexislación urbanística en Galicia, en España e noutros contextos, para identificar boas prácticas e formular propostas de mellora. Este traballo permitiranos comprender mellor o marco no que nos movemos e aprender das experiencias doutras rexións.
  • Práctica profesional: Crear ferramentas e recursos que faciliten o traballo diario nas nosas disciplinas. Neste sentido pensamos que podería ser interesante desenvolver tres eixes:
    • Grupos de traballo. Fomentar o diálogo e a colaboración entre profesionais da agrupación, en primeiro lugar e, doutros ámbitos (economía, dereito, administración, etc.) para abordar os diferentes retos do urbanismo desde unha perspectiva multidisciplinar.
    • Documentos técnicos. Elaborar guías, manuais e outros documentos que sirvan de apoio para a práctica profesional, abordando, entre outros, os temas tratados nos grupos de traballo.
    • Xornadas de formación específica. Organizar xornadas, talleres e sesións de formación, tanto presenciais como online, sobre temas de actualidade e interese que se teñan identificado como necesarios.

Para o desenvolvemento destas dúas liñas de traballo, identificamos os seguintes temas prioritarios:

  1. Planeamento urbanístico e territorial.
  2. Cambio Climático e sostibilidade.
  3. Axenda Urbana e territorial.
  4. Dereitos Urbanos.
  5. Dereito á vivenda.
  6. Dereito á mobilidade e accesibilidade.
  7. Dereito á paisaxe e ao territorio.
  8. Dimensión de xénero e urbanismo.
  9. Espazo público e desigualdade.
  10. Cidade e saúde.

Para concretar estas liñas de traballo e a forma de abordalos, gustaríanos contar coa vosa opinión. Convidámosvos a responder nesta breve enquisa: (https://form.jotform.com/243011586467054)

Agardamos as vosas respostas e suxestións, xa que, aínda que non esteades agrupados, as vosas ideas axudaranos a facer un mellor traballo e a definir as liñas de actuación da AGAU. 

Un saúdo cordial,

A Xunta Directiva da AGAU

Compartir