ACTA PREMIOS PRÓXIMOS 2024
En Santiago de Compostela, a 29 de outubro de 2024
Co nome de Premios “Próximos” quérese facer referencia ao espírito do ciclo de conferencias que, ao longo dos últimos anos, ven organizando a Delegación de Santiago co obxectivo de dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos a nosa delegación determinados polo emprazamento das obras.
Conforme á convocatoria realizada a finais do mes de xullo, un total de 42 propostas foron presentadas á edición do ano 2024 dos Premios PRÓXIMOS. O xurado da presente edición emitiu o seu fallo polo cal destaca 9 das candidaturas presentadas.
MEMBROS DO XURADO:
María González, socia fundadora do estudo SOL89, e profesora asociada do Departamento de Proxectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Sevilla (ETSA Sevilla)
Alfredo Freixedo, socio de Oikos Estudio SLP e antiguo docente no Departamento de Proxectos Arquitectónicos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).
Ángel Panero, arquitecto coordinador da oficina Técnica do Consorcio de Santiago de Compostela, Premio de Arquitectura/Rehabilitación de Galicia 2018 e Coordinador académico do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción.
Secretario:
Diego Cisterna Arias, Secretario da Delegación de Santiago de Compostela do COAG.
ACTA DO XURADO:
O día 29 de outubro do 2024, reúnese o Xurado dos Premios “PRÓXIMOS 2024”. Previamente á reunión, facilitóuselle aos membros do Xurado a documentación necesaria para a consulta das distintas candidaturas presentadas.
Lémbrase o proceso previo de selección con 42 propostas presentadas, e procédese a analizar a escolla incial por parte dos membros do Xurado.
Finalmente o Xurado decidiu conceder os premios aos seguintes traballos:
Vivenda Unifamiliar
Lugar Panchés, Polígono 36 Parcela 442, Horta das Ameixeiras 15295, Carnota, A Coruña
Óscar Andrés Quintela | Iván Andrés Quintela | ARROKABE, SLP
O proxecto representa unha interesante reinterpretación das tipoloxías residenciais existentes na zona, á vez que introduce un sistema construtivo innovador. Este enfoque combina a construción pesada, executada in situ para adaptarse á topografía do terreo mediante a utilización de formigón e pedra, cun sistema lixeiro e industrializado de armazón de madeira para os elementos elevados. O resultado é unha edificación contemporánea que establece un diálogo natural e integrado coas estruturas preexistentes e o lugar.
Rehabilitación de Vivenda Unifamiliar
Lugar Guitiande 0 15280, Brión, A Coruña
Óscar Andrés Quintela | Iván Andrés Quintela | ARROKABE, SLP
A intervención consiste en revelar as capas ocultas das preexistencias e superpor un novo estrato con novos materiais. Destaca o seu enfoque, na que a sobriedade da intervención sobre a preexistencia denota intelixencia e coñecemento excepcional do oficio. Este proceso, xunto cun enxeñoso sistema de composición de ocos, integra de maneira harmoniosa e acertada o novo co existente, dotando ao conxunto dunha calidade arquitectónica inexistente antes da intervención.
Vivenda Unifamiliar Surf_House
Lugar de Fieiro-Miñortos S/N 15999, Porto do Son (O), A Coruña
Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | DOSESMAS Arquitectos, S.C.P.
Trátase dunha vivenda de plantas ordenadas, atractiva e delicada. A formulación para a súa implantación non evidente, que en lugar de proxectar unha casa orientada directamente cara á paisaxe, selecciona coidadosamente a maneira en que desexa relacionarse coa súa contorna e cos veciños. A partir dunha serie de muros que proporcionan privacidade e protección, pero que a súa vez definen unha secuencia de espazos internos e externos.
Readecuación da Capela do Pilar para a implantación de novo mobiliario para os usos penitenciais
Catedral de Santiago de Compostela.
María Cristina Nieto Peñamaría | José Luis Gil Pita
Bo exemplo de colaboración entre arquitectos e artesáns. Trátase dunha peza resalta de maneira elocuente a destreza dos arquitectos para operar na escala máis miúda da nosa contorna construída. Cabe destacar a forma na que estes obxectos foron fotografados. A iluminación e a disposición do confesionario no espazo foron manexadas cunha habilidade escenográfica destacable, elevando a percepción estética do obxecto. A maneira en que a luz interactúa coas superficies do moble non só realza as súas calidades materiais e formais, senón que tamén contribúe a crear unha atmosfera contemplativa e solemne. Esta coidadosa posta en escena reflicte unha comprensión profunda dos aspectos visuais e emocionais do deseño, logrando que o confesionario transcenda da súa funcionalidade.
Casa 2M
Rúa do Medio 41, Santiago de Compostela, A Coruña
Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | DOSESMAS Arquitectos, S.C.P.
A obra desenvolta nunha parcela de dimensións extremas de apenas dous metros de ancho, preséntase como un brillante exemplo de como a limitación espacial pode converterse nunha oportunidade para a innovación arquitectónica. Os arquitectos lograron superar as restricións impostas pola estreiteza, ofrecendo unha proposta que demostra unha notable calidade espacial, construtiva e material.
Campo de Fútbol de Santa Isabel, Santiago de Compostela
Santiago de Compostela
Enrique Manuel Blanco Lorenzo | Patricia Sabín Díaz
Notable exercicio de restrición e austeridade que merece ser destacado, logrando un equilibrio perfecto entre funcionalidade e materialidade. Non se impoñen á paisaxe nin ás preexistencias; en cambio, adáptanse a elas, creando unha integración harmónica que eleva a calidade arquitectónica do lugar. A planta resolve os vestiarios e o acceso histórico ao campo de fútbol cunha implantación intelixente, e cunha execución dos detalles de forma limpa e contundente.
Campo de Fútbol en Toques, A Coruña
Toques · A Coruña
Enrique Manuel Blanco Lorenzo | Patricia Sabín Díaz
Exemplo de semellantes características ao outro proxecto presentado polos autores. Ao observar as dúas instalacións, percíbese unha profunda reflexión sobre o concepto de esencialidade aplicado á arquitectura deportiva. A sensación é que transmiten é a de haber logrado un equilibrio perfecto entre funcionalidade e materialidade, a diferencia de moitas instalacións deportivas contemporáneas que tenden a ser rimbombantes e excesivas, estes campos optan por un enfoque que respecta o entorno que os rodea.
2 vivendas pareadas
Parcelas V4.1 y V4.2 do SUNP5 A Muíña, Santiago de Compostela, A Coruña
Alberto Redondo Porto | José Martin Valladares Duran | Marcial Rodríguez Rodríguez | Redondo Valladares Y Rodríguez, SLP
O deseño destaca polo seu enxeño no acceso e as conexións entre plantas, logrando unha distribución clara e lóxica. A depresión do acceso respecto á rúa crea unha transición entre espazo público e privado, mellorando a experiencia espacial e achegando intimidade. A integración de bloques de pedra, que a vexetación coloniza, permite que a arquitectura xere a súa propia paisaxe. Ademais, o programa está resolto con habilidade, salientando os espazos intermedios e unha distribución intelixente, o cal reflicte tanto o oficio arquitectónico como a intuición e confianza dos promotores.
Centro de servizos
Travesía da Ramallosa 7 15883, Teo, A Coruña
Juan Antonio Varela García | María Del Carmen Escorihuela Vitales | Miguel Alonso Flamarique | Roberto Erviti Machain | MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, SLP
Proxecto singular na súa funcionalidade clara e contundente. Manexánse ben os espazos de servizos e o espazo principal, nos que destacan a simplicidade, transparencia e emprego de materiais. As catro caixas que flanquean o núcleo central actúan como contedores das instalacións e servizos, liberando ao espazo principal de cargas utilitarias. Valóranse os volumes simples claramente pensados para dialogar coa contorna natural e reforzarse recíprocamente, ademais do esforzo por crear arquitectura para xerar imaxen corporativa. Este deseño non só mellora a funcionalidade do lugar, senón que tamén lle confire un carácter polivalente, permitindo imaxinar unha variedade de usos no futuro.
Os membros do xurado dos Premios PRÓXIMOS 2024 valoran moi positivamente a “alta calidade da maioría dos proxectos presentados, e celebran o nivel das candidaturas. Suxiren ademais, a oportunidade de que a Delegación de Santiago do COAG promova unha exposición dos finalistas, a modo de portas abertas á cidadanía, do traballo dos arquitectos próximos, que quizás puidérase mover por diferentes lugares da xeografía da Delegación”.