Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025 – Categoría Intervencións en espazos exteriores

11 xuñ 2025

O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe xorde do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente  na súa riqueza cultural e benestar físico, mental e social, e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial.. Para poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, a Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega convoca o Premio como recoñecemento a aquelas intervencións no patrimonio natural e construído que contribúan a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras intervencións no mesmo.

No ano 2025 convócase o Premio na categoría de INTERVENCIÓNS EN ESPAZOS EXTERIORES, que ten por obxecto recoñecer aquelas intervencións realizadas en espazos exteriores tanto públicos como privados que contribúan a mellorar a calidade da paisaxe.

Prazos

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 4 de xullo de 2025  e o fallo do xurado darase a coñecer no último cuadrimestre do ano.

Candidatos

Poden ser candidatos ao premio:

Autor/es do proxecto ou da intervención, que teñan como promotor a unha persoa física ou xurídica de natureza privada. Só se admitirán intervencións realizadas en Galicia, que fosen acabadas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2024.

As candidaturas poden ser presentadas polo autor/es, polos promotores ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos premios.

O xurado poderá premiar proxectos que non se presentasen á convocatoria se os consideran merecedores do mesmo.

Dotación

O premio terá unha dotación económica de 6.000,00€.

No caso de que o proxecto sexa de promoción privada, o xurado, se o considera pertinente,  poderá repartir o valor económico do premio entre os autores e o promotor, podendo percibir este último non máis do 50% do mesmo.

A criterio do xurado poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles cun diploma e unha cantidade económica de 1.500,00€.

Os autores das intervencións galardoadas recibirán un diploma acreditativo e os promotores unha placa de recoñecemento.

Os traballos premiados serán difundidos a través da web da Fundación (www.juanadevega.org), redes sociais, prensa xeneralista e medios especializados.

MÁÍS INFORMACIÓN E INSCRICIÓN

Compartir