I Premio de Construción Sostible con Lousa

0
Posted by / 10 septiembre 2021 / Categories: Premios / -

O I Premio de Construción con Lousa nace como un certame de convocatoria trienal, promovido polo Clúster da Pizarra de Galicia, e constitúese para poñer en valor a lousa como material referente das edificacións sostibles e da innovación na construción.

A lousa natural é un produto cunhas propiedades técnicas inigualables que achega sempre un valor engadido ás construcións nas que se emprega co máximo aproveitamento e que lles confire unha elegancia e unha identidade que as converte en únicas.

As texturas inimitables das lousas galegas inspiraron a arquitectos de todo o mundo para crear proxectos únicos nos que a lousa natural ten presenza e entidade por si soa, dando un aspecto característico, atemporal e inmutable.

Do mesmo xeito que cada vez é máis común a internacionalización da actividade dos técnicos, e en concordancia coa vocación deste Clúster, contemplaranse como admisibles as obras ou proxectos realizados en calquera ámbito xeográfico -dentro ou fóra das nosas fronteiras- sempre que o material empregado pertenza ás empresas membras do Clúster da Pizarra de Galicia ou da Federación Nacional de Galicia. Isto permitiranos outorgarlle a dimensión internacional que ten a nosa materia prima -entendendo tamén que isto suporá un enriquecemento para o noso tecido profesional e empresarial-, ao tempo que nos permitirá coñecer e dar a coñecer calquera outras actuacións e obras merecedoras de recoñecemento nun ámbito xeográfico que excede ao galego.

Así, o nacemento deste galardón vai contribuír a internacionalizar a produción arquitectónica realizada cun material que nos é propio e a conseguir unha maior difusión e repercusión das obras máis significativas construídas durante o período correspondente a cada convocatoria.

CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Os obxectivos xerais da presente convocatoria son os seguintes:

  • Recoñecer na lousa un elemento fundamental na construción e un material para mellorar a habitabilidade e sustentabilidade dos proxectos arquitectónicos.
  • Impulsar o fomento e utilización da lousa incentivando a excelencia e innovación a través da investigación e a súa aplicación.
  • Incentivar o coñecemento da lousa e dar a coñecer as súas propiedades e atributos aplicada cun deseño adecuado e innovador de proxectos arquitectónicos e cunha correcta colocación.
  • Fomentar a investigación a innovación e a aplicación de novas tecnoloxías na lousa.
  • Promover o traballo de profesionais coa lousa, potenciando a Galicia como un enclave internacional destacado no deseño e construción con produtos de calidade e con tecnoloxías innovadoras.

BASES

Ao Premio poderán presentarse obras ou proxectos de calquera persoa, empresa ou institución interesada, ben por iniciativa propia ou a requirimento da entidade promotora do Premio, sempre que reúnan as seguintes condicións:

  • Que fosen realizadas por profesionais, arquitectos e construtores, radicados en España ou no estranxeiro.
  • Que se encadren dentro das seguintes categorías: de nova construción, reformas, rehabilitacións ou espazos públicos, situadas tanto en España coma no estranxeiro.
  • Que empregasen de forma significativa a lousa galega na maior parte das súas cubertas ou paramentos exteriores.
  • Que a data de remate estea comprendida dentro do período de tres anos establecido entre o 30 de setembro 2018 e o 30 de setembro de 2021.

CATEGORÍAS

Poderán optar ao premio as propostas incluídas nalguna das dúas categorías que fan parte desta convocatoria:

1.- PREMIO Á MELLOR FACHADA (Arquitecto, aparellador e colocador).

2.- PREMIO Á MELLOR CUBERTA (Arquitecto, aparellador e colocador).

En ambas as dúas categorías distinguiranse os mellores proxectos e actuacións en infraestruturas ou espazos exteriores que acheguen aspectos relevantes, innovadores e de integración que permitan demostrar o comportamento da lousa, así como a súa contribución á revitalización e mellora da calidade do espazo nas contornas nas que se empregou. Do mesmo xeito valorarase a investigación e a innovación co dito material construtivo.

DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA

Nun único documento .pdf, en sobre pechado, deberán figurar os seguintes datos:

  • Nome e apelidos do candidato ou candidata que presenta a obra ou proxecto
  • Breve currículo
  • Teléfono de contacto
  • Correo-e de contacto
  • Fabricante da lousa

No exterior do sobre figurará:

  • Lema da obra
  • Categoría á que opta
  • Data de finalización da obra

A entrega da documentación relativa á obra que cómpre presentar é a seguinte:

a) Un texto explicativo, dunhas 400 palabras, cos datos precisos para unha completa identificación da obra ou proxecto, en formato .pdf, que deberá ser identificado correctamente coa seguinte fórmula: LEMA (elixido polo concorrente) _ EXPLICACIÓN DA OBRA

b) Fotografías representativas da obra, até un máximo de 10. Presentarase UN SÓ ARQUIVO en formato .pdf, cun tamaño igual ou menor a 5 Mb que deberá ser identificado correctamente coa seguinte fórmula: LEMA (elixido polo concorrente) _ IMAXES DA OBRA

c) Planos do proxecto cos detalles construtivos. Presentarase UN SÓ ARQUIVO en formato .pdf, cun tamaño igual ou menor a 5 Mb que deberá ser identificado correctamente coa seguinte fórmula: LEMA (elixido polo concorrente) _ PLANOS DA OBRA

A documentación irá sen asinar e sen distintivos que a identifiquen, agás o lema elixido pola persoa ou persoas ou entidades que presenten a obra.

DATA LÍMITE PARA A INSCRICIÓN E PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN

A data límite para a inscrición e presentación da documentación é o venres 15 de outubro de 2021.

Antes desa data poderanse remitir as consultas que sexan necesarias a través do seguinte enderezo electrónico comunicacion@clusterdapizarra.com, até o xoves 14 de outubro de 2021.

A documentación anteriormente citada remitirase antes da finalización do prazo indicado -15 de outubro de 2021- a algún dos seguintes enderezos:

Enderezo postal

Centro Tecnolóxico da Pizarra

32330, Sobradelo de Valdeorras. Ourense Indicando: Premio de construción con lousa

Correo electrónico

comunicacion@clusterdapizarra.com (Asunto: Premio de Construción con lousa)

XURADO E CRITERIOS

A persoa ou persoas designadas polo Clúster da Pizarra de Galicia realizará unha comprobación do cumprimento de cada unha das condicións de participación previa ao fallo do Xurado.

Os proxectos que non cumpran as bases ou condicións expostas na convocatoria quedarán automaticamente excluídos. Serán criterios de exclusión: a remisión da proposta fóra de prazo, o incumprimento das normas de presentación e anonimato, a incompatibilidade segundo os criterios expostos, así como calquera outro incumprimento dos aspectos recollidos neste documento.

O Xurado valorará os seguintes aspectos:

  • Adecuación do uso e colocación, segundo a categoría á que se concorra, da lousa no proxecto arquitectónico.
  • Innovación e solucións técnicas e construtivas novas na utilización da lousa.
  • Correcta execución da obra en xeral.
  • Integración do proxecto na contorna.
  • O tamaño ou importancia da obra ou proxecto non será considerado como elemento de discriminación.

Trala análise e posta e común procederase á votación e o Xurado recollerá o fallo na correspondente acta, que será pública e de libre consulta.O ditame do Xurado farase público, comunicándose a todos os participantes por correo electrónico.

O PREMIO

Concederase un premio consistente nunha figura deseñada e producida por un recoñecido artista galego ao arquitecto, ao aparellador e ao colocador da obra gañadora en cada unha das categorías.

Aos autores/as das obras premiadas ou mencionadas expresamente polo Xurado (de existir o caso), entregaráselles un diploma acreditativo.

AUTORIZACIÓN DOS DEREITOS DE IMAXE

De conformidade co artigo 5.1 da Lei Orgánica, os datos persoais dos rexistrados pasarán a formar parte dun ficheiro informatizado responsabilidade do Clúster da Pizarra de Galicia cunha finalidade meramente informativa.

Igualmente, a documentación presentada ao Premio non será devolta e o Clúster resérvase o dereito a utilización da documentación, co recoñecemento expreso da autoría do/a seu/súa lexítimo/a propietario/a, podendo ser publicada e exposta a criterio da mesma.

A inscrición a este Premio supón a aceptación de todos os puntos aquí recollidos.

About the author

Comentarios pechados.

Visit Us On FacebookVisit Us On TwitterVisit Us On InstagramVisit Us On Youtube