1ª Edición Premios Galicia de Innovación e Deseño

27 Out 2020

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño para recoñecer o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente ao desenvolvememento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño.

Con estes galardóns búscase destacar as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevo como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.

CATEGORÍAS

Sección innovación

A sección específica destes galardóns que recoñecerá as persoas e empresas coas traxectorias e prácticas de innovación máis destacadas conta con tres categorías:

  • Traxectoria innnovadora: 15.000 €
    Empresarios e profesionais cunha traxectoria de alomenos dez anos na que a innovación fose unha das súas características relevantes.
  • Pequena e mediana empresa: 15.000 €
    Pemes con demostrada actividade innovadora durante alomenos os últimos cinco anos.
  • Gran empresa: premio honorífico
    Grandes empresas cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, a última década.

Sección deseño

A sección específica destes galardóns que recoñecerá as persoas e empresas que mellor representen a contribución do deseño galego á innovación conta con tres categorías:

  • Profesionais: 15.000 €
    Profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de alomenos dez anos de recoñecido prestixio no sector.
  • Deseñadores/as mozos/as: 15.000 €
    Creadores de ata 35 anos de idade cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
  • Empresas: premio honorífico
    Empresas consolidadas que incorporasen o deseño a súa estratexia empresarial ao longo de, como mínimo, a última década.

PRAZO

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 9 de decembro de 2020.

REQUISITOS

Poderán ser candidatas as persoas físicas e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído e que manteña a súa actividade.

As candidaturas da categoría «Traxectoria innovadora» da sección de innovación do certame, así como as das categorías «Profesionais» e «Deseñadores/as mozos/as» da sección de deseño, deberán contar, como mínimo, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da innovación e do deseño, respectivamente.

Un mesmo candidato poderá propoñerse para unha ou varias categorías dos premios, para o que é imprescindible enviar unha proposta de solicitude diferente e completa, con toda a documentación requirida, para cada categoría presentada.

PROCESO DE PRESENTACIÓN E DOCUMENTACIÓN

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

XURADO

A avaliación das candidaturas levarase a cabo por dous xurados, un para os galardóns correspondentes á sección de innovación e outro para os da sección de deseño.
Cada un deles estará integrado por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco vogais. Estes últimos serán profesionais de recoñecido prestixio nos eidos da innovación e do deseño.

DETALLE DAS BASES E DO PROCEDEMENTO

As bases reguladoras completas e os detalles do procedemento e da documentación a presentar poden consultarse no anuncio publicado no DOG do 8 de outubro de 2020.

CONTACTO

Área de Centros da Axencia Galega de Innovación centros.gain@xunta.gal
+ 34 881 999 120

Compartir