DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA 2024.
Dende a Delegación de Pontevedra do COAG convidámoste a asistir á xornada que vai ter lugar o vindeiro luns, 21 de outubro, ás 18:30 horas, na Casa das Campás, situada na Rúa Don Filiberto nº 9, en Pontevedra, para celebrar o Día Mundial da Arquitectura 2024.
Este ano, o tema escollido pola Unión Internacional de Arquitectos (UIA) é “Empoderar á próxima xeración no deseño urbano participativo”, facendo fincapé no papel dos novos arquitectos na planificación e o desenvolvemento urbano, e animándoos a participar en procesos participativos, achegando novas perspectivas esenciais para o desenvolvemento sostible.
Por iso, e seguindo a recomendación da UIA, dende a Delegación de Pontevedra queremos celebrar este día amosando proxectos exitosos liderados por mozos e mozas que transformaron comunidades e melloraron as condicións de vida urbanas, destacando a importancia do deseño urbano participativo.
Programa da xornada:
18:30h Apertura
18:35h Lectura de manifesto
18:45h Ponencia Taller Abierto (Ana Barreiro e África Martínez)
19:05h Ponencia Estudio Rurban (Martín Barreiro e María Masaguer)
19:25h Ponencia Carme Nogueira
19:45h Debate moderado por Susana Regueira
20:15h Preguntas
20:30h Peche
O acto é aberto ao público pero, para unha mellor organización, prégase confirmar asistencia na seguinte ligazón antes das 14:00 horas do luns, 21 de outubro.
Ao finalizar o acto, compartiremos uns petiscos.
A Xunta Directiva da Delegación en Pontevedra do COAG
_Taller Abierto
Taller Abierto está formado por dúas arquitectas, Ana Barreiro e África Martínez, que desde 2013 desenvolven proxectos artísticos e culturais. Entre as súas actividades están a organización de cursos de formación para docentes, o comisariado de exposicións, e os talleres didácticos en museos e institucións privadas. O seu labor no eido da educación, ademais, abarca a produción de material didáctico sobre diferentes temas en soporte físico e audiovisual. Para elas o espazo público e a paisaxe poden ser motor de aprendizaxe, polo que tamén implementan proxectos no que estes son protagonistas.
_Estudio Rurban
Rurban é unha oficina creada por Martín Barreiro Cruz, arquitecto urbanista, e María Masaguer Otero, historiadora e antropóloga, onde un grupo de profesionais traballan convencidos da necesidade de ofrecer novas solucións ás formas que temos de habitar, desprazarnos e empregar o territorio. A reflexión-acción sobre os espazos periurbanos, configura a súa principal liña de actuación e investigación. Ao longo destes anos foron especializándose en distintas áreas de traballo como son a planificación estratéxica, a mobilidade peonil e ciclable, o urbanismo inclusivo, os camiños escolares, entre outras.
_Carme Nogueira
Carme Nogueira é unha artista multidisciplinar e investigadora. Traballou sobre os procesos de subxectivización e a función normalizadora dos espazos a través da fotografía, o vídeo e a instalación. Nos últimos traballos esta problemática materialízase nunha serie de procesos de investigación e accións para o espazo público. A partir destas accións e investigacións, e coa axuda de obxectos creados especificamente para cada proxecto, tenta promover situacións que activan ao espectador ou colaboradores no proxecto. Deste xeito pódense xerar outras narrativas e activar arquivos e lugares.
_Susana Regueira
Susana Regueira é licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid. Exerce o xornalismo dende moi nova en medios como El Correo Gallego e en 1993 incorporouse á redacción de Faro de Vigo, onde escribe contidos de Sociedade e Cultura. Publica en diversos medios como El Periódico de Catalunya e colaborou con revistas como Viajes de National Geographic. Foi a autora dos textos e o recitado da ópera contemporánea Voci vicine, partitura do compositor italiano Fabio Cifariello Ciardi (Roma, 1960) cun enfoque que procura amplificar a voz do pobo italiano e, neste caso, galego, e que estreou en 2016 coa orquestra sueca Kammerensemble no marco do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora.