Modificación da regulación do Informe e Rexistro de Avaliación de Edificios

24 Marzo 2022

Publicado no DOG de 23 de marzo o Decreto 34/2022, do 10 de marzo polo que se modifica o Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.3, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda. Por tanto, é competencia autonómica establecer o marco xeral da regulación do informe de avaliación dos edificios, dentro do seu ámbito territorial.

O Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios, en vigor desde o 20 de maio de 2021, pretende regular o informe de avaliación de edificios como instrumento que acredita a situación en que se atopa un edificio, regulado no capítulo II do título preliminar da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

Na disposición transitoria primeira do citado decreto establécese que os concellos que así o consideren, en función do número e da antigüidade dos edificios do seu municipio, así como dos seus medios e necesidades, poderán establecer un calendario para a presentación gradual dos IAE dos edificios que, na entrada en vigor deste decreto, xa conten cunha antigüidade de máis de 50 anos e sempre que non supere os prazos seguintes:

– Ata 1 ano desde a entrada en vigor deste decreto, para os edificios catalogados.

– Ata 3 anos desde a entrada en vigor deste decreto, para o resto dos edificios con máis de 50 anos.

Ante as limitacións establecidas como consecuencia da pandemia da COVID- 19 para realizar as reunións das xuntas das comunidades de persoas propietarias de edificios, o prazo establecido, para os edificios catalogados, na citada disposición transitoria primeira pode resultar insuficiente, polo que se considerou a conveniencia de ampliar o dito prazo, no seo do Pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia, constituído polas persoas con representación das administracións públicas con competencias na materia e os representantes de entidades, institucións ou asociacións que agrupan persoas físicas ou xurídicas que teñen a consideración de axentes da edificación na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, así como as axencias e as administracións da propiedade inmobiliaria, como profesionais da intermediación inmobiliaria.

O decreto estrutúrase nun artigo único, polo que se modifica a citada disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, que derroga cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto, e unha disposición derradeira que, en virtude da natureza da regulación contida neste decreto, que consiste unicamente na modificación dos prazos da citada disposición transitoria e pola urxencia debida á proximidade da finalización do prazo que agora se modifica, prevé a súa entrada en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da disposición transitoria primeira do Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios

A disposición transitoria primeira do Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios, queda redactada nos seguintes termos:

«Disposición transitoria primeira. Implantación gradual da obriga do informe de avaliación dos edificios

Os concellos que así o consideren, en función do número e da antigüidade dos edificios do seu municipio, así como dos seus medios e necesidades, poderán establecer un calendario para a presentación gradual dos IAE dos edificios que, na entrada en vigor deste decreto, xa conten cunha antigüidade de máis de 50 anos, sempre que non supere o prazo de 3 anos desde a entrada en vigor deste decreto».

Disposición derrogatoria. Derrogación de disposicións normativas

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ENLACE AO DOG.

Compartir