No DOG de 30 de decembro de 2021, publícase a ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción e consolidación do emprego autónomo e as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.
Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:
a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
c) Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
d) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
e) Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
f) Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
Artigo 6. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2020 inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.
3. Quedan excluídos desta orde:
a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.