Pola presente damos traslado dun dos temas tratados na reunión mantida cos servizos técnicos da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Lugo o pasado día 14 de outubro. Este informe pretende informar do contido ao que se refire o artigo 21 do PXOM de Lugo.
Os servizos de Urbanismo, Arquitectura e Enxeñería do concello, trasládannos que detectan na presentación de proxectos de edificación de nova planta, nos núcleos rurais e no solo urbano, a falta do plano de aliñacións en moitos deles, o que retrasa o proceso de concesión de licenza, por depender esta de dous departamentos, o de Arquitectura e o de Enxeñería, departamento este último que recorre á retención do proxecto por esta circunstancia, antes de sequera ser trasladado o expediente municipal ao departamento de Arquitectura.
Solicítase desde o concello a colaboración de todos os colexiados con proxectos de edificación en Lugo, que presten especial atención a este punto para posibilitar a mellora nos tempos e tramitación dos expedientes municipais.
“ART. 21 Licenzas urbanísticas
21.1. Obxecto
Teñen por obxecto comprobar que os actos de ocupación, construción e uso do solo e do subsolo proxectados axústanse ao ordenamento urbanístico vixente. Para a concesión da licenza verificarase se o aproveitamento proxectado se axusta ao susceptible de apropiación e se as obras e usos proxectados reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade.
21.2. Condicións e procedemento
- Obra maior:
Esixirase a presentación dun proxecto técnico redactado por técnico competente, axustado á Normativa xeral deste documento e ás Ordenanzas específicas que afecten á parcela, e cuxo contido mínimo será o establecido no artigo 195 da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (art. 143 da Lei 2/2016 e 350 a 357 do seu Regulamento).
O proxecto técnico deberá, ademais, conter:
- Plano a escala 1:500 coa definición expresa de aliñacións, que deberán ser coincidentes coas definidas no Plan Xeral, coas especificacións contidas no artigo 28.2 desta normativa.
- Plano con definición de rasantes exteriores e interiores da parcela coas determinacións do art. 29.2 desta normativa.
- Plano do perfil lonxitudinal real da beirarrúa ou beirarrúas ás que de fronte a parcela.
- Plano catastral, a escala 1:500, a fin de que o Concello determine a necesidade de proceder a unha normalización de fincas.
- En solo de núcleo rural xustificación, no seu caso, da necesidade de derrubar os muros tradicionais.
As licenzas de edificación de obra maior non se poderán conceder ata que a parcela correspondente reúna as condicións que sinala esta Normativa para que poda ser edificada.
- Obra menor:
Para a solicitude de licenza de obra menor non será necesaria a presentación de proxecto técnico. Sen embargo a solicitude deberá acompañarse de:
- Plano de situación da obra.
- En solo de núcleo rural identificación dos cerramentos tradicionais existentes, xustificando, no seu caso, a necesidade da súa derruba.
- Croquis acoutado do que se pretende realizar (perfectamente interpretable, indicando a situación das obras dentro da edificación e da parcela). Cando polo tipo de obra sexa necesario, o Concello poderá esixir a presentación de planos acoutados de planta, sección e alzado do que se quere facer, acompañado de planos anexos á solicitude nos que se reflexe perfectamente o construído actualmente e cumprimento das condicións de volume, estéticas, etc, que se sinalan nestas Normas Urbanísticas do proxectado.
- Relación de materiais de acabado que se van a empregar.
- Orzamento real da obra.
- Restantes documentos necesarios segundo o tipo de obra de que se trate.
ART. 28 Cédulas informativas
28.2. Aliñacións e rasantes oficiais
A aliñación e rasante oficial poderase solicitar a efectos de deslinde, parcelación, reparcelación ou edificación, e terá por obxecto que o Concello, a través dos seus servizos técnicos, sinale as aliñacións e rasantes oficiais das parcelas.
A solicitude deberá ir acompañada dun plano de situación e un plano do solar a escala mínima de 1:500 con todas as cotas necesarias para determinar a súa forma, superficie e situación respecto ás vías públicas e fincas colindantes, acoutando os anchos actuais de rúa e as rasantes, debéndose reflexar tamén cantos antecedentes e servizos concorran na parcela, así como as servidumes urbanísticas con que conta.
En solo de núcleo rural, cando existan cerramentos tradicionais, será obrigatoria a solicitude de aliñacións. O Concello, en cumprimento do artigo 28.d) da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (art. 26 da Lei 2/2016 e 40 do seu Regulamento), poderá modificar a aliñación definida nos planos para conservar os muros tradicionais, podendo autorizar a súa derruba cando estea debidamente xustificado”.