A Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia acolle un encontro con Isabel Izquierdo Peraile, directora do Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), baixo o título «Museo Arqueológico Nacional: Tras la reforma integral, presente y futuro»
.
A conferencia abordará a fonda reforma integral da institución —desenvolvida ao longo de case 15 anos—, un fito que renovou por completo os seus espazos públicos e internos, a exposición permanente, a súa emblemática fachada e a contorna do xardín histórico. Unha transformación de instalacións, servizos e imaxe que supuxo un pulo decisivo para proxectar e dar a coñecer a súa senlleira «colección de coleccións».

Arqueóloga e xestora cultural de recoñecida traxectoria no ámbito patrimonial, Isabel Izquierdo repasará tamén o percorrido histórico do MAN de cara ao seu 160º aniversario e as liñas de acción marcadas polo Plan Estratéxico 2024-2027, nunha etapa especialmente intensa e dinámica para a institución.
Actividade aberta ao público. Entrada libre con inscrición previa (prazas limitadas) neste ENLACE.
5 de novembro de 2026
19:30 h
Delegación de Lugo do COAG
Ao remate compartirase un petisco para continuar o faladoiro de xeito distendido
