O espazo de lectura A de arquitectas chega a Galicia con ‘Sancti Spiritus’, da arquitecta e fotógrafa Ana Amado. O COAG acollerá o vindeiro 18 de xuño, ás 17:00 horas, no Náutico de San Vicente do Mar, unha nova sesión deste ciclo impulsado polo CSCAE que percorre as bibliotecas e delegacións dos distintos Colexios de Arquitectos del territorio nacional.
A iniciativa nace co obxectivo de recuperar, visibilizar e recoñecer a influencia das mulleres na arquitectura a partir da lectura e o diálogo arredor de libros escritos ou editados por arquitectas, ou centrados na obra de mulleres arquitectas. O ciclo continúa a súa andaina mensual visitando diferentes sedes colexiais da xeografía española para fomentar o debate colectivo.
Nesta ocasión, o COAG dedicará a sesión ao libro Sancti Spiritus, de Ana Amado, unha publicación que ofrece un testemuño visual e literario único sobre la vida de clausura no Mosteiro de Sancti Spiritus, en Toro (Zamora). A obra, enriquecida cun relato inédito da escritora Lara Moreno, desvela a beleza do oculto e explora o misterio dun espazo habitualmente vedado ao exterior.
ARQUITECTURA, VIDA ÍNTIMA E ESPAZOS INVISIBLES
Sancti Spiritus propón unha mirada íntima á relación directa entre a arquitectura conventual e a vida silenciosa que esta alberga, pero que tamén oculta. A través das sías imaxes, Amado plasma a súa convivencia cunha comunidade de monxas dominicas de clausura, mulleres a miúdo invisibles para a sociedade actual. A publicación convértese así nun suxestivo diálogo entre a permanencia dos muros de pedra e a extraordinaria cotidianidade das súas moradoras.
A sesión permitirá abrir unha conversa sobre como o deseño e os límites do espazo físico condicionan a experiencia vital, o valor do silencio, o amparo que proporciona a arquitectura e o papel das mulleres na construción de realidades cotidianas dentro de contornos de retiro.
INFORMACIÓN DA ACTIVIDADE
Actividade: Espazo de lectura A de Arquitectas
Libro: Sancti Spiritus
Autora: Ana Amado (fotografía) e Lara Moreno (relato literario)
Data e hora: 18 de xuño – 17:00 horas
Lugar: Náutico de San Vicente do Mar (O Grove, Pontevedra)
Organiza: COAG, no marco do ciclo impulsado polo CSCAE
Benvida e introdución: María Pierres, Secretaria do COAG e responsable da Comisión de Xénero do COAG
Modera e presenta: Laura Pato, arquitecta e xestora da conta de Instagram “le_petit_patito”
Invitada: Ana Amado, arquitecta e fotógrafa
SOBRE A AUTORA: ANA AMADO
Ana Amado é arquitecta, fotógrafa e docente. A súa traxectoria profesional e artística móvese na confluencia entre a arquitectura e a imaxe, explorando como as estruturas construídas dialogan co comportamento social, a memoria e as comunidades que as habitan. A través da fotografía documental, desenvolveu proxectos de gran calado social e humanista, visibilizando realidades periféricas e a pegada das mulleres en espazos tradicionalmente pechados ou ignorados.
A sesión poderá seguirse de forma presencial e tamén a través da súa retransmisión en directo (streaming) na seguinte ligazón:
