Escola de Opositores COAG – Enquisa Interese

1 Set 2025

Escola de Opositores COAG – Curso 2025 – 2026

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia está a preparar a posta en marcha dunha Escola de Opositores, un programa formativo exclusivo para colexiados, pensado para aquelas persoas que desexen preparar oposicións no ámbito da arquitectura e da función pública. Trátase dunha iniciativa estruturada e rigorosa, orientada a proporcionar os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para afrontar con garantías os distintos procesos selectivos.

A posta en marcha desta Escola dependerá, en última instancia, de que exista unha demanda suficiente entre os colexiados que permita facela viable. Para poder estimar esta demanda, poñemos ao voso dispor esta enquisa, que che pedimos que cubras no caso de que esteas interesado en participar nesta iniciativa nas condicións que expoñemos a continuación. Así, a formación da Escola de Opositores estará condicionada ao interese detectado a través de esta enquisa. A data límite para trasladarnos o teu interese é o próximo luns, día 15 de setembro.

O proxecto da Escola de Opositores COAG nace cun dobre propósito que cobra especial importancia no contexto actual, no que desde a Administración estanse a facer importantes esforzos na posta en marcha de medidas encamiñadas a axilizar e mellorar a tramitación administrativa dos diferentes procedementos relacionados co urbanismo e a edificación. Así,

  • Búscase apoiar aos colexiados que queren incorporarse á función pública, tanto na Administración local como na autonómica.
  • Búscase, ademais, apoiar ás Administracións para que poidan finalizar con éxito os procesos de contratación de persoal, contando con profesionais coa formación e perfil óptimo para as funcións que van desempeñar. 

A Escola de Opositores COAG estará coordinada por catro profesores, especialistas nas diferentes materias. Dous deles serán arquitectos e os outros dous serán xurídicos.

Desde a escola, os profesores encargaranse de elaborar un temario propio, que se poñerá ao dispor dos alumnos de maneira gradual, a medida que se vaia avanzando nos contidos.

Sobre os contidos proporcionados, levarase a cabo un control e seguimento personalizado, presencial e con periodicidade semanal, mediante exercicios ben orais, ben escritos e casos prácticos para a súa resolución polos alumnos, que garantan que os alumnos conseguiron o nivel óptimo en cada un dos temas propostos.

Traballarase en grupos reducidos, cun profesor responsable de cada grupo e cun máximo de 6 alumnos por grupo.

O período lectivo desta primeira etapa da Escola de Opositores COAG desenvolverase entre novembro de 2025 e xullo de 2026

Esta escola exponse con vocación de continuidade, de maneira que cada ano póidase apoiar a unha nova xeración de colexiados na preparación das probas de acceso á administración.

Ademais dos obxectivos inicialmente expostos, estamos convencidos de que é unha ferramenta moi valiosa para xerar sinerxias e sobre a que apoiar proxectos de colaboración e coordinación de criterios tan demandados e necesarios para dar axilidade e seguridade xurídica aos procedementos.

Modalidade e localización

  • Presencial. Na sede do COAG en Santiago de Compostela.
  • Sesións dous días á semana pola tarde, cunha duración de 3 horas por sesión (previsión de luns e martes pola tarde, pendente de confirmar).

Calendario

  • De novembro a xullo (datas exactas por confirmar)

Prezos

  • Matrícula inicial:
    • 800 € para colexiados/as subscritos/as á formación
    • 1100 € para colexiados/as non subscritos/as
  • Cota mensual:
    • 200 € para colexiados/as

No caso de que esteas interesado en matricularte na Escola de Opositores COAG 2025-2026, e queiras que te avisemos no momento no que se publique a programación e no momento no que se abra a matrícula, por favor enche o seguinte formulario. [Enquisa interese]

Compartir