No BOP-A Coruña de 14 de abril, publícase o anuncio, do Servizo de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación Provincial da Coruña, das Bases do proceso selectivo destinado á elaboración dunha lista provincial para a selección de persoal funcionario interino para prazas de arquitecto/a nos concellos da provincia da Coruña con poboación inferior a 20.000 habitantes (Grupo A1, escala de administración especial, subescala técnica, clase técnicos superiores).
ANTECEDENTES
I.1. A cobertura de forma áxil e eficaz das prazas de persoal técnico temporalmente vacantes é unha necesidade básica de todos os concellos. Con todo, estes procesos adoitan alongarse no tempo de forma que, en ocasións, fican rematados cando xa non existe esa necesidade. Ademais, as listas de agarda conformadas soen sen moi reducidas, o que unido á gran mobilidade deste persoal, ten como resultado o seu rápido esgotamento. Proximamente esta circunstancia vaise ver agravada pola gran cantidade de prazas ofertadas nas Administracións estatal, autonómica e local en concellos de gran poboación.
I.2. Por outro lado, a convocatoria continuada de procesos individuais en cada concello require un gran esforzo desde un punto de vista temporal, persoal e material, tanto por parte da Administración municipal como por parte desta Deputación, que adoita colaborar achegando persoal propio para a composición dos tribunais de selección.
I.3. A dificultade que teñen moitos concellos para cubrir estas prazas implica que soliciten a colaboración do Servizo de Asistencia Técnica a Municipios para realizar as tarefas encomendadas a este persoal; pero consonte a regulación vixente, este Servizo exerce as súas funcións baixo o principio básico de complementariedade, sen dispor de capacidade para suplir aos servizos técnicos municipais.
I.4. A formación dunha lista provincial, xestionada desde o Servizo de Asistencia Técnica a Municipios, podería ser empregada polos concellos con menor capacidade de xestión para contratar persoal técnico propio, dando así resposta á necesaria axilidade destes procesos.
I.5. Con este fin, o Servizo de Asistencia Técnica a Municipios, coa colaboración do Servizo de Planificación e Xestión de Recursos Humanos, da Oficialía Maior e da Intervención Xeral desta Deputación, elaborou unha proposta de bases para o proceso selectivo destinado á elaboración dunha lista provincial para a selección de persoal funcionario interino para postos de arquitecto/a nos distintos concellos da provincia da Coruña con poboación inferior a vinte mil (20.000) habitantes.
DISPOSICIÓNS XERAIS
1. Normas xerais
As entidades locais interesadas, por razóns de urxencia ou de necesidade e mentres non sexa posible a súa provisión de maneira definitiva ou mediante outras formas de provisión, poderán asinar un convenio coa Deputación Provincial da Coruña para nomear como persoal técnico interino propio a unha das persoas que figuren na listaxe creada mediante as presentes bases.
A praza ofertada pola entidade local deberá ser a xornada completa ou cando menos de tres (3) días á semana, agás que mediante acordo de dous concellos limítrofes ou dentro da mesma comarca garantan conxuntamente a cobertura da xornada completa.
Para que se poidan cubrir as baixas por incapacidade temporal con persoal desta listaxe, a duración estimada da baixa será de cando menos un (1) mes.
2. Regulación complementaria
O Regulamento da selección de persoal funcionario interino e laboral temporal desta Deputación (BOP núm. 119, do 30 de xullo de 2020 ou o que en cada momento o substitúa) será de aplicación en todo o que complemente e non contradiga a estas bases.
O prazo de presentación das solicitudes será de vinte (20) días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP).
A non presentación da solicitude en tempo e forma suporá a inadmisión da persoa aspirante ao proceso selectivo.