O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia lembra que os concellos teñen a obriga de velar por que os edificios de vivendas de máis de 50 anos dispoñan, antes do 20 de maio, do Informe de Avaliación de Edificios.
Explica, asemade, que a curto prazo a Xunta de Galicia ten previsto publicar as axudas á rehabilitación de edificios, enmarcadas nos fondos Next Generation e destinadas a mellorar a eficiencia enerxética do parque inmobiliario construído de máis de vinte anos.
Así o manifestou nunha carta enviada a todos os consistorios, onde tamén ofrece axuda para difundir esta información entre a cidadanía.
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia remitiu un escrito a todos os concellos da comunidade autónoma co obxecto de recordarlles a súa obriga de vixiar que os propietarios de edificios de vivendas cumpran co estipulado no Decreto 61/2021, orde trala que se creou o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios (REGIAE), dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia.
Esta resolución dita que os edificios de vivendas de máis de 50 anos terán que dispor do Informe de Avaliación de Edificios (IAE) antes do 20 de maio de 2022, ou se así o establece o concello poderíase deseñar un calendario gradual ata o 20 de maio de 2024. Polo tanto, o decreto establece que os propietarios terán a obriga de dispor e presentar este informe, e os concellos serán a figura competencial responsable de controlar que os propietarios cumpran coa obriga de conservar os seus bens inmobles.
Ademais, o pasado outubro publicouse o Real Decreto 853/2021 no que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, convocados no marco dos fondos europeos Next Generation. A día de hoxe a Xunta de Galicia só publicou as axudas de vivenda, aínda que nun curto prazo de tempo está previsto que se publiquen as resolucións correspondentes ás axudas para a redacción do Libro do Edificio Existente (LEE) e a liña de rehabilitación de edificios, centradas na mellora da eficiencia enerxética do parque inmobiliario construído de máis de 20 anos co fin de reducir as emisións de CO2 e procurar a protección do medio ambiente.
O LEE é un instrumento impulsado polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) para promover actuacións de rehabilitación integral dos edificios, a partir dun diagnóstico preciso sobre a súa situación e potencial de mellora, e que reúne as recomendacións da directiva europea no pasaporte do edificio.
As axudas para a redacción do LEE, que no seu contido inclúe o IEE, pretenden impulsar a implantación e xeneralización deste, mediante unha subvención que cubra parte dos gastos de honorarios profesionais pola súa emisión, co fin último de activar a demanda de rehabilitacións enerxéticas nos edificios, acometendo as obras cunha orde lóxica despois de analizar as distintas características do inmoble. “Tendo en conta que o IEE é parte integrante do LEE, que o LEE estará subvencionado por unha liña específica de axudas ao amparo dos fondos Next Generation, e que os prazos de publicación de axudas e obrigatoriedade dos IEE se solapan, se os propietarios encargan directamente libros estarán aforrando a parte dos seus gastos que cobre a axuda”.
Por outra parte, o Colexio brinda a man aos concellos para a difusión desta información, explicando á veciñanza todas estas liñas de axuda á rehabilitación, “xa que as actuacións subvencionadas a nivel de barrio, edificio ou vivenda redundarán nunha mellora da calidade e nun aforro de enerxía importante co fin de garantir o benestar da poboación e a protección do medio ambiente”.