Curso sobre a Normativa de funcionalidade en vivenda: NHV, DB SUA, DB SI

2 Mar 2026

O obxectivo deste curso é facer un percorrido polas esixencias básicas que teñen incidencia directa nos aspectos dimensionais e de deseño dos edificios de uso residencial vivenda, nas súas diferentes tipoloxías.

Para iso, analizaremos as prestacións que deben satisfacer as tipoloxías máis frecuentes deste uso (vivenda unifamiliar illada, adosada, vivenda colectiva) no relativo á aplicación das esixencias básicas que condicionan os aspectos dimensionais e de deseño, centrándonos, fundamentalmente, nas Normas de habitabilidade de vivendas en Galicia [NHV] e nos documentos básicos de Seguridade de Utilización e Accesibilidade [DB-SUA] e de Seguridade en caso de Incendio [DB-SI].

Analizaremos tamén, e sobre todo no caso dos edificios de vivenda colectiva, as prestacións derivadas da implantación doutros usos (comercial, administrativo, aloxamentos turísticos) nos edificios cuxo uso principal é residencial vivenda.

Repasaremos os criterios de excepcionalidade que permiten a rehabilitación de edificios e vivendas, compatibilizando os requirimentos de habitabilidade cos de protección do patrimonio, co obxecto de facilitar a renovación e protección do patrimonio xa construído. Tamén revisaremos a excepcionalidade no caso de aplicar posibles cambios e innovacións tecnolóxicas, reflexo da evolución da sociedade e das novas formas de habitar e vivir das persoas.

Nesta análise recolleremos tamén as necesidades derivadas do contexto actual do sector inmobiliario, especialmente no referente ao progresivo abandono dos locais comerciais, que motiva os cambios de uso destes locais a vivenda, pero sen menoscabo das condicións mínimas de calidade, seguridade e intimidade desas “novas” vivendas.

Prezos de matrícula 

  • Matrícula ordinaria: 130 euros
  • Arquitectos colexiados: 65 euros
  • Arquitectos colexiados subscritos ao servizo de formación: 35 euros

Metodoloxía

  • Flexibilidade para o alumno.
  • Enfoque práctico.
  • Fomento da participación.
  • O curso desenvólvese en modalidade integramente online, utilizando como soporte a plataforma de formación en liña do COAG (moodle.coag.es). Esta plataforma será o medio a través do que se canalizará toda a operativa do curso, e nela habilitaranse todas as actividades e recursos que se utilizarán.
Aforo e prazos de matrícula:
O aforo é limitado.
  • Prazo preferente de matrícula (exclusivo para colexiados COAG subscritos ao servizo de formación): ata o domingo 8/03/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.
  • Todas as modalidades: dende as 23:59 h do domingo 8/03/2026 ata o luns 15/03/2026 ás 23:59h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles. 

Programa completo e matrícula

No programa completo, que pode consultarse a continuación, descríbese a metodoloxía e explican as actividades que integran en curso e a súa temporización e modalidades de seguimento.

[+ matriculación e programa completo do curso]

Coa colaboración de 

Compartir